DENUNCIADOS 37 CONDUTORES
A campaña informativa de control e vixilancia de VMP e bicicletas rematou cun balance positivo
![Eva Vilaverde](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2025/02/07/2025020713265792761.jpg)
Pontevedra, 7 de febreiro de 2025. A edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, deu conta que a campaña de control e vixilancia de comportamentos indebidos en VMP e bicicletas realizada entre os días 27 e 31 de xaneiro saldouse cun resultado positivo.
“Era necesario realizar esta campaña e facela pública para concienciar a veciñanza, evitando condutas insolidarias á hora de moverse dentro da cidade”. Vilaverde sinalou o caracter informativo desta acción, xa que “se constatou que existe moita desinformación sobre como se debe circular con este tipo de vehículos”.
Nese sentido, cómpre lembrar que no intre da compra dun destes elementos, é necesario solicitar toda a documentación técnica e de circulación sobre o mesmo, para comprender e saber que normativa debe seguir e cales son as súas obrigas legais. “Recomendamos, desde o Concello, que perante calquera dúbida pregunten na Policía Local ([email protected])”.
Entrando nas cifras, durante a campaña foron controlados un total de 92 vehículos (a maioría VMP), dos cales 37 foron denunciados por distintas infraccións (4 foron bicicletas). A máis repetida das denuncias foi a de circular pola beirarrúa (11 denuncias), seguida da circulación sen permiso administrativo para circular (6 denuncias) e levar auriculares (5 denuncias), xunto a ir dúas persoas no mesmo vehículo (5 tamén). Cómpre dicir, que no total das denuncias, cinco foron a menores de idade (un deles en bicicleta).
Vilaverde sinalou e fixo fincapé na necesidade do permiso administrativo para circular no caso daqueles VMP que superen os 26 qm/h (ao igual que acontece cos ciclomotores), para os que tamén é necesario un seguro.