O BNG leva ao Parlamento galego a mellora das redes de abastecemento eléctrico en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade, 6 de febreiro de 2025. Os deputados do BNG Luís Bará e Xosé Manuel Golpe veñen de presentar unha proposición non de lei para a mellora das redes de abastecemento eléctrico en Cerdedo-Cotobade, atendendo a unha solicitude do portavoz municipal Ernesto Filgueira, que días atrás denunciou publicamente os feitos.
Na súa exposición de motivos, os nacionalistas argumentan que “o concello de Cerdedo-Cotobade sofre continuos cortes de subministro eléctrico, algo que acontece con excesiva frecuencia, sen que sexa preciso a chegada dun temporal”. Unhas veces son parroquias enteiras as que quedan sen luz (Tenorio, Viascón, San Xurxo) ou nas que o subministro eléctrico falla durante horas (Almofrei, Loureiro, Borela, Carballedo, Valongo, Quireza, Cerdedo..). A pasada semana o colexio de Tenorio estivo sen electricidade e a escola infantil sen luz nin calefacción.
As infraestruturas eléctricas están obsoletas e nin a Xunta nin a empresa distribuidora fan o necesario por modernizalas. “O goberno galego presume de investimentos millonarios en infraestruturas no rural, e de transferencias millonarias a través do fondo de fusións ao concello de Cerdedo-Cotobade mais as infraestruturas e servizos como o do subministro eléctrico, telefonía, fibra óptica, sanidade ou cobertura de emerxencias son moi deficitarios”, afirmou o deputado nacionalista, Luís Bará.
Os nacionalistas esixen que “a Xunta pase da propaganda aos feitos” e que desenvolva plans reais de mellora das infraestruturas, dos equipamentos e dos servizos en ámbitos rurais como é o caso de Cerdedo-Cotobade, xa que estes equipamento e servizos esenciais para garantir a calidade de vida e a equidade para a poboación que vive no rural “presentan numerosas carencias e deficiencias”.
Na iniciativa, o BNG insta á Xunta a que reclame da empresa distribuidora a mellora das instalacións e o abastecemento eléctrico aos CEIP e á escola infantil de Tenorio para evitar problemas como os que tiveron lugar o pasado 28 de xaneiro e, ao mesmo tempo, que faga un estudo sobre as necesidades de mellora das infraestruturas de subministro eléctrico en Cerdedo-Cotobade, identificar as principais carencias da rede e demandar á compañía eléctrica distribuidora que mellore as infraestruturas de abastecemento para evitar os continuos cortes de luz que se producen no concello de Cerdedo-Cotobade.