A TAFONA ACOLLEU A PERTO DE 30.000 PERSOAS

Éxito sen precedentes nas Festas da Primavera de Caldas

Éxito sen precedentes nas Festas da Primavera de Caldas

“Éxito sen precedentes e récord de participación” como balance xeral, tanto na participación de público como no dispositivo de seguridade. Así cualificou o tenente de alcalde Manuel Fariña a celebración das Festas da Primavera en Caldas con DJs, verbenas e tamén inchables e unha festa da escuma para a rapazada, e ás que acudiron perto de 30.000 persoas. 

Fariña destaca que a xente inundou a explanada da Tafona e superáronse todas as expectativas, cun programa que conseguiu convocar a milleiros de espectadores en todas e cada unha das actividades programadas. O tenente de alcalde nacionalista non dubidou en sinalar que se trata “dunhas festas marabillosas” nas que “non houbo evento que non tivera unha asistencia masiva”. 

“A festa foi un revulsivo para Caldas”, dixo o concelleiro nacionalista, quen fixo fincapé especialmente no impacto que esta gran afluencia de veciñanza e turistas tivo na actividade económica da vila, en particular en sectores como a hostalería, que tivo os locais cheos ata a bandeira. 

“Acertamos coa programación”, asegurou, para engadir que a maioría de caldenses amosáronse satisfeitos ante a decisión do goberno local de primar a seguridade e non deixar montar as atraccións ás e ós feirantes que non querían acatar os lugares de montaxe e cumprir o plan de autoprotección e as normas de seguridade. 

Fariña destacou que a celebración o venres do ‘Kalidas Primavera Fest’ foi unha novidade con moita aceptación que permitiu ampliar un día de festa. Tamén sinalou como un acerto ter organizado, en substitución das barracas, unha xornada para nenas e nenos con inchables e unha festa da escuma que, aproveitando o día de calor, encheu de rapazada, pais, nais e avós e avoas toda a tarde na Tafona. 

Fariña subliñou que a pesar da gran concentración de público destacou a tranquilidade e a ausencia de incidentes ao longo das festas no perímetro de seguridade do recinto. Agradeceu o seu labor á Policía Local e Protección Civil e salientou tamén o despregue do servizo de limpeza, que se empregou a fondo ao longo de todos os días da celebración, poñendo en marcha un dispositivo especial que permitiu ter o recinto en perfectas condicións durante os días de celebración da festa. 

Para Manuel Fariña a organización desta edición das Festas da Primavera marca a liña a seguir para vindeiras edicións: primar a calidade das propostas para todos os públicos e a seguridade da veciñanza. 

Éxito sen precedentes nas Festas da Primavera de Caldas