Marga Caldas denuncia a nefasta xestión económica do goberno municipal de Poio
O PP, con Moldes á cabeza, chegou a Alcaldía con falsas promesas, mentindo e criticando duramente as actuaccións levadas a cabo nos últimos anos polo goberno encabezado polo BNG tanto en infraestructuras, economia, fiscalidade, actividades deportivas, cultura coma en lecer.
Agora, despois de 9 meses gobernando, e con toda a capacidade para tomar decisións, o certo é que ainda non sabemos en que consiste o seu proxecto para Poio.
Os orzamentos para 2024: unha copia dos do 2023, pero sen as importantes actuacións que tiña este
A decisión máis importante en materia económica tomada ata o de agora foi a aprobación do Orzamento para o ano 2024," un orzamento calcado ao aprobado polo BNG para o ano 2023, pero do que quedan fóra importantes actuacións coma o inicio de estudos para a posta en marcha do proxecto do novo centro de saúde para Poio, un novo pavillón de deportes, dotar de saneamento ou licitar o novo contrato da agua para os veciños de Vilariño e Fragamoreira", afirmou a portavoz nacionalista Marga Caldas.
A mentira dos impostos
Unha das mensaxes máis difundidas por Moldes foi que en Poio se pagaban demasidos impostos, prometendo que en 3 meses de goberno os ía baixar. Mais a realidade é moi distinta: os impostos están sen tocar, e só anunciou unha rebaixa irrisoria que sería efectiva no ano 2025. Pero, que vai pasar co IBI, coas taxas da agua, saneamento e recollida de lixo? Manteralas ou subiralas?
Co PP, un concello máis endebedado
Outra das críticas reiteradas do Sr. Moldes era o elevado endebedamento do Concello de Poio. Sen embargo, a día de hoxe, Moldes xa aprobou formalizar unha nova operación de préstamo por valor de 700.000 euros. Se a débeda era tan grande como se endebeda máis?
A pesar do que dicía o Sr. Moldes sobre a xestión económica do Concello, o certo é que "nos últimos 5 anos os remanentes de tesourería aprobados supuxeron 8,8 millóns de euros, non baixando ningún exercicio do millón de euros (en positivo). Este dato contrasta coa recente liquidación aprobada polo señor Moldes que tivo un resultado negativo de case 300.000 euros, incumprindo, ademais, a regra de gastos e o principio de estabilidade orzamentaria", afirmou Caldas.
"Esta nefasta xestión é a que nos prometeu o señor Moldes?", preguntouse a portavoz nacionalista