Carme da Silva leva ao Senado a vulneración dos dereitos lingüísticos na comisaría de policía de Pontevedra
Pontevedra, 16 de abril de 2024. A senadora do BNG, Carme da Silva, demanda do ministerio de Interior que se respecten os dereitos lingüísticos nas comisarías da policia "nacional" en Galiza, despois de que na de Pontevedra se lle negase ese dereito a unha veciña que foi presentar unha denuncia, e insta ao ministerio a que de as instrucións precisas para que se respeten os dereitos lingüísticos das galegas e galegos.
Os feitos ocurriron esta mesma semana, cando unha muller se dirixe á comisaría de Pontevedra para presentar unha denuncia por agresión e faino en galego, a lingua propia de Galiza, facendo uso dos seus dereitos lingüísticos.
O axente que a asiste cuestiona que poida expresarse en galego e a obriga a pasarse ao español se quere ser atendida. A muller, que precisa presentar a denuncia, decide utilizar o español para axilizar o proceso. A pesar de aceptar o cambio de idioma, o axente cuestiona o carácter penal da denuncia ao considerar que dita agresión non é obxecto de denuncia e segue dificultando o proceso, mesmo respondéndolle á denunciante que “estoy muy cansado y no estoy para explicarle nada”. Esta actitude do axente leva á denunciante a presentar unha queixa por non recibir o tratamento adecuado nin poder expresarse na súa lingua, manifestando que volvería cando estea presente unha persoa competente en lingua galega.
Abuso de autoridade
Nunha estraña reviravolta, o axente decide (unha vez presentada a queixa, e non antes) denunciar á súa vez á muller por "faltar ao respecto á autoridade" queixándose da súa actitude pouco cooperativa. O caso é que a actitude do policía non só foi un obstáculo para un trámite que é un dereito cidadán, senón que vulnerou os dereitos lingüísticos da persoa que acudiu á comisaría. Constitúe, polo tanto, un claro abuso de autoridade.
Non é a primeira vez que o BNG se ten que poñer en contacto co Ministerio do Interior para trasladarlle situacións nas que se constata que non se normalizou o uso do galego para realizar trámites nin para ser atendidos na lingua propia nas comisarías de Galiza.
Nun Estado plurilingüe onde se normaliza sobre o papel que as distintas Administracións e o seu funcionariado teñen o deber de respectar os dereitos lingüísticos dos cidadáns e das cidadás, non se entende que sigan existindo actitudes deste tipo, polo que o BNG demanda que se dean as instrucións precisas para que nas comisarías se respeten os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas.