Luís Bará demanda a cobertura a tempo completo da praza de pediatra das nenas e nenos de Monte Porreiro
Pontevedra, 19 de abril de 2024. O BNG, a través dos deputados Luís Bará e Montse Prado, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentares en forma de proposición non de Lei e preguntas ao goberno da Xunta en relación co deterioro contínuo da atención pediátrica na comarca de Pontevedra.
Nestas iniciativas, o BNG fai fincapé na falta de pediatras no centro de saúde de Lérez que atende a nenas e nenos de Monte Porreiro, de Lérez e das parroquias do norte de Pontevedra, e do concello de Barro. Cabe lembrar que, coa escusa da pandemia do COVID, o SERGAS trasladou a consulta de pediatría de Monte Porreiro ao centro de saúde de Lérez, un servizo compartido co concello de Barro.
A persoa titular desta praza no centro de saúde de Lérez estivo de baixa e recentemente foille adxudicada unha praza no centro de saúde de Sanxenxo, de modo que desde fai uns meses a asistencia está a ser cuberta mediante prolongacións de xornada doutros pediatras. Como consecuencia, produciuse un empeoramento da atención ás nenas e nenos, ao reducirse as consultas a tres horas tres días á semana (luns, mércores e venres).
O BNG leva ao Parlamento galego a demanda de solucións ao deterioro da atención pediátrica na comarca de Pontevedra
Esta situación provoca, ademais, que os tempos de agarda para citas sexa prolongado, que non haxa continuidade na atención pola mesma pediatra, e que en moitas ocasión ás familias teñan que acudir directamente ao PAC da Parda ou ás urxencias no Hospital Provincial, coa conseguinte incomodidade e saturación destes servizos.
Nos días pasados, representantes veciñais de Monte Porreiro dirixíronse á xerencia da área sanitaria solicitando unha reunión para procurar unha solución que permita mellorar a atención pediátrica dos 471 nenos e nenas adscritos ao centro de saúde de Lérez.
Soutomaior, máis de 500 días sen pediatra
Mais o do centro de saúde de Lérez non é un caso único. Compre lembrar, neste sentido, o escandaloso caso do centro de saúde de Arcade, que leva máis de 500 días sen pediatra.
Para poñer fin a esta situación, o BNG diríxese, a través do Parlamento, á Xunta e ao SERGAS para que, coa maior brevidade posíbel, corrixa esta situación e dote a estes centros de pediatras, que permitan darlle a todas as nenas e nenos da comarca de Pontevedra a atención sanitaria que merecen e, ao tempo tempo, contribúa a paliar a saturación das urxencias pediátricas dos centros de referencia.