A SALA PRINCIPAL DE ENSAIOS DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA LEVARÁ O SEU NOME
Caldas réndelle homenaxe a Dani Portas
Caldas, 13 de xuño de 2024- O Concello de Caldas homenaxerá este domingo a Daniel Portas, falecido en febreiro deste ano, pola súa traxectoria como músico e como director durante dez anos da Banda de Música Municipal de Caldas. O tenente de alcalde Manuel Fariña convida a todas as veciñas e veciños ao acto, que terá lugar na Escola Municipal de Música ás cinco da tarde, e que promete ser moi emotivo.
Fariña anunciou que o Concello de Caldas porá o nome de Dani Portas á sala de ensaios principal da Escola Municipal de Música, un local duns 200 metros cadrados no que ensaia a Banda Municipal “e que ten as mellores vistas da vila”. Ademais, haberá unha actuación que contará coa presencia de David Rivas, compositor zamorano que compuxo unha marcha-procesión de homenaxe a Portas que será interpretada pola Banda Municipal de Caldas, que encargara a peza.
Segundo subliña o tenente de alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña, a homenaxe a Portas “é totalmente merecida”. O edil lembra que ambos coincidiron na Banda de Música de Barro, onde o nacionalista deu os primeiros pasos no mundo da música e onde iniciaron unha estreita relación. “Sempre deixou unha fonda pegada en todas as persoas ás que dirixiu”, subliñou, engadindo que foi baixo a súa dirección cando a Banda de Caldas tivo unha das épocas de maior esplendor.
Fariña animou a participar no acto de homenaxe a veciñas e veciños de Caldas, “especialmente a aquelas amantes da música que durante anos viron o fantástico traballo que fixo o mestre Portas coas rapazas e rapaces da Banda de Caldas de Reis”.
Daniel Portas faleceu en febreiro de 2024 logo de ter sufrido un infarto en decembro pasado tras dirixir un concerto da Orquestra Sinfónica Xoven de Pontevedra, estando á espera dun transplante.
Portas comezou os seus estudos musicais aos dez anos na Escola de Música da Banda Unión Musical de Meaño e en 1995 entrou a formar parte como solista de trombón da Banda de Música Municipal de Pontevedra. Foi fundador de varios quintetos de metais, profesor de Trombón no Conservatorio Profesional de Música de Lalín, e trombón solista da Banda Municipal de Santiago de Compostela.
Graduado no Conservatorio Superior de Música de Vigo, dirixiu a Banda Xuvenil de Barro, onde alcanzou grandes éxitos, e a mediados de 2007, fíxose cargo da dirección da Banda de Música de Caldas, alcanzando o Segundo Premio o VII Certame de Bandas de Música da Deputación provincial de Pontevedra na Sección Terceira, o ano 2008 recibe unha Mención Especial na participación do CIBM ‘Ciudad de Valencia’, ao seguinte ano obtén un segundo Premio no Certame comarcal de Valga, e en agosto dese mesmo ano alcanza unha Mención Especial no Certame Internacional de Bandas de Música de Aranda de Duero, en Burgos.