Caldas de Reis á espera de que a Xunta presente o proxecto para ampliar o comedor do CPI Alfonso VII
Caldas de Reis, 28 de outubro de 2023. O Concello de Caldas de Reis está á espera de que a Xunta presente o proxecto para ampliar o comedor do CPI Alfonso VII e inicie a obra canto antes. O tenente de alcalde, o nacionalista Manuel Fariña, asegurou hoxe que o goberno local non porá ningún tipo de problema ou condicionante á actuación, senón que unha vez reciba a solicitude de licencia dará todas as facilidades para que a administración galega poida dar resposta dunha vez ás demandas da comunidade educativa.
Fariña explicou que o Concello vén de contestar á solicitude de informe municipal realizada pola Consellería de Educación sobre a viabilidade da actuación nos terreos dispoñibles anexos ao propio comedor escolar. Nesta contestación, asinada polo aparellador municipal, explícase que a parcela na que se pretende construír ou instalar os módulos prefabricados é viable, posto que aínda cabe un 25% máis de ocupación da actual. Tamén sinala que calquera actuación debe someterse a autorización da propia Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional, concretamente do seu departamento de Patrimonio.
Ao escrito formal vía rexistro, o tenente de alcalde engadiu que, unha vez o Concello teña a solicitude de licencia, darase vía libre á actuación e non se porá ningún tipo de atranco. Destacou que a Xunta debe redactar o proxecto e presentalo canto antes. Salientou que a obra xa podería estar feita e funcionando neste curso se o goberno galego tivese amosado interese real en facela. Por isto, en lugar de “enmarañar as cousas”, e alegando a necesaria colaboración e lealdade institucional entre administracións para a correcta prestación de servizos á veciñanza, Fariña instou á Xunta a dar pasos “con axilidade”, asegurando que o Concello priorizará a actuación cando lle corresponda dar a correspondente autorización de obra.
“Dende o Concello sempre apoiamos a ampliación do comedor, e esiximos que se cumpriran os prazos ao xefe territorial, que anunciara o funcionamento da ampliación para este curso. Nós damos vía libre. Poderíase ter feito sen ningún tipo de problema, por iso pedimos que se presente o proxecto xa para analizalo e aprobalo”, apuntou Fariña.