Caldas prevé iniciar de forma inminente as obras para crear novos vestiarios e unha sala polivalente no Pavillón Municipal de Deportes

Manuel Fariña nos vestiarios do pavillón municipal de Caldas
Manuel Fariña nos vestiarios do pavillón municipal de Caldas
Caldas prevé iniciar de forma inminente as obras para crear novos vestiarios e unha sala polivalente no Pavillón Municipal de Deportes

Caldas, 11 de novembro de 2025. O Concello de Caldas de Reis Caldas prevé iniciar de forma inminente as obras para crear novos vestiarios e unha sala polivalente no Pavillón Municipal de Deportes. O tenente de alcalde Manuel Fariña anunciou a adxudicación dos traballos á empresa ‘Decor Rede Rivas SL’, e que a intención é acurtar o prazo de execución para minimizar molestias tanto á actividade deportiva como aos centros educativos próximos.

Segundo explica o tenente de alcalde e responsable de Deportes Manuel Fariña, o Concello reuniu hoxe a mesa de Contratación, sendo valorada a firma caldense como a máis vantaxosa, ao presentar unha oferta económica de 203.643 euros. O persoal técnico municipal requirirá agora á construtora o aval garantía da obra, tendo un mes de prazo para empezar os traballos dende a sinatura oficial do contrato. Con todo, o responsable nacionalista agarda acurtar os tempos e comezar antes de esgotar os límites de tempo máximos para ter executada boa parte da reforma antes de que finalice este ano. 

A intención é manter a actividade deportiva no pavillón, polo que a reforma dividirase en dúas áreas e fases de obra. Así mesmo, a adxudicataria intentará “relaxar a tensión acústica” que poidan supoñer  os traballos para os centros de ensino próximos (CPI Alfonso VII e IES Aquis Celenis) evitando ao máximo a actividade durante as horas docentes, estando en comunicación constante coas direccións. A construtora xa se comprometeu tamén a utilizar os medios necesarios (secadoras industriais e sistemas de ventilación forzada) para evitar as demoras de secado de morteiros e adhesivos pola humidade desta época.

Fariña subliña que o pavillón é a instalación deportiva máis grande do municipio e acolle tanto competicións federadas, torneos, como actividades escolares e complementarias, motivo polo que era necesario facer unha reforma e aproveitar a súa máxima potencialidade. 

Grazas á reforma farase unha redistribución de todo o espazo que hai baixo as gradas, renovando de maneira integral os actuais vestiarios, actualmente en mal estado de conservación, para facelos accesibles e funcionais. En xeral, reformaranse todas as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade e ventilación cumprindo coa normativa vixente en materia de accesibilidade e sustentabilidade ambiental. Ao mesmo tempo, aproveitarase o espazo restante baixo as bancadas do público para crear un novo espazo de usos múltiples que permitirá organizar un programa de actividades deportivas amplo. 

Neste sentido, Fariña explica que unha vez as novas instalacións estean acondicionadas o Concello vai estudar a posta en marcha de clases grupais moi demandadas como ioga, zumba ou GAP, coa necesaria contratación de persoal. 

Caldas prevé iniciar de forma inminente as obras para crear novos vestiarios e unha sala polivalente no Pavillón Municipal de Deportes