LEVARÁ O REXEITAMENTO AOS CONCELLOS, PARLAMENTO GALEGO E CORTES DO ESTADO

O BNG rexeita o megaparque eólico Greco e realizará unha campaña informativa e recollida de alegacións nos concellos directamente afectados

O BNG rexeita o megaparque eólico Greco e realizará unha campaña informativa e recollida de alegacións nos concellos directamente afectados

Pontevedra, 12 de novembro de 2025. En comparecencia de prensa, arroupados por representantes de Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes, e polos responsabeis comarcais de Vigo e Pontevedra-Caldas, o deputado Luís Bará e a senadora Carme da Silva mostraron a oposición do BNG ao megaproxecto eólico Greco pola grave afectacción territorial, paisaxística esocial.

Este proxecto, promovido pola empresa MOWE ENERGíA, do Grupo Villar Mir Enerxía, con enderezo no Paseo da Castellana de Madrid, afecta aos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Fornelos, e Covelo na provincia de Pontevedra e Avión e Beariz na provincia de Ourense. 

Este megaproxecto industrial eólico, de 109,2 MW de potencia instalada, divídese en 2 zonas:

  • GRECO NORTE (72,8MW), integrado por 14 aeroxeradores + 1 de reserva, de 5,2MW de potencia unitaria e 177 m de altura, situados no concello de Cerdedo-Cotobade. Inclúe tamén a SET Greco Norte e liña eléctrica de alta tensión que conecta a SET Greco Norte coa SET Greco Centro, de 14,659 km.
  • GRECO CENTRO (36,4MW), integrado por 7 aeroxeradores + 2 de reserva, de 5,2MW de potencia unitaria e 177 m de altura, situados nos concellos de A Lama e Fornelos. Inclúe tamén a SET GRECO CENTRO e liña de alta tensión de evacuación de case 30 quilómetros, cunha “afección brutal no territorio”.

Ademais destas infraestruturas hai que ter en conta a afección dos viais de acceso, pistas, plataformas, excavacións, gavias, canalizacións, etc.

O deputado nacionalista, Luís Bará, salientou que “estamos diante dun proxecto aberrante, tramitado ao abeiro das normativas que favorecen a depredación do territorio. Un proxecto de grande capacidade destrutiva, que se vén sumar a outros que están en tramitación na mesma zona (contorna da Serra do Suído e da Serra do Cando): 

  • Hedreira, de 75MW, e da súa infraestrutura de evacuación asociada, situado nos concellos de A Lama, Beariz e Avión. 
  • Edreira 1, Ampliación de Edreira I e Coto de Eiras, tres proxectos promovidos polo mesmo grupo inversor que suman 72 MW.
  • Liña de evacuación dos proxectos anteriores até a subestación de Pazos de Borbén.

Bará recordou que “existen informes da Xunta de Galiza que informaron negativamente proxectos na zona, como é o caso do parque eólico Puza (agora rebautizado como Hedreira) por afectar a unha área de especial interese paisaxístico, a Serra do Suido, sen que esa afección visual poida ser reducida nin mitigada mediante ningunha medida correctora”. Tamén hai un informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural respecto do parque eólico Carballoso, situado na mesma zona. Polo tanto hai xa “informes previos que din que non é posíbel instalar aí parques eólicos.

Existe tamén outro informe que fala dos efectos sinérxicos e acumulativos, do efecto barreira para as aves e morcegos, tendo en conta que hai xa nesa zona 17 parques eólicos nunha areaa de radio de 25 quilómetros con 421 aeroxeneradores, con 22 proxectos xa autorizados con outros 116, aos que habería que engadir o megaparque Greco e outros en Tramitación como Hedreira, Edreira I, co que nos achegariamos aos 700 aeroxeneradores.

A Xunta dalle dereito de pernadas ás empresas eólicas

“Con todos estes antecedentes e estes informes negativos, a Xunta acaba de darlle luz verde administrativa, permitindo que se poida instalar fora das areas de desenvolvemento eólico, o que é unha especie de dereito de pernada”.

“Pero con ser isto grave, a Xunta está agora tramitando, pola vía da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, unha modificación da Lei de Protección da Paisaxe, de maneira que prevaleza o interese dos eólicos sobre a protección paisaxística”, denunciou Bará. Unha Lei feita “para desprotexer o Suído e para anular a resistencia dos técnicos que estaban informando en contra”.

Para o deputado nacionalista estamos ante unha presunta prevaricación, ao estar modificando unha Lei para evitar os informes negativos. Se non se mantén o mesmo criterio vanse cambiar o que antes eran informes negativos por informes favorábeis. “Entendemos que non hai maneira, sen prevaricar, que a Xunta lle faga informes favorábeis a estes proxectos, afirmou Bará.

O BNG levará a cabo unha intensa campaña social e institucional

Diante disto, o BNG vai facer unha campaña para defender o territorio, unha campaña informativa para explicarlle á xente dos impactos que teñen estes proxectos, unha campaña de alegacións masiva, e unha campaña institucional, tanto nos concellos, como no Parlamento galego e nas Cortes do Estado.

2025-11-12 11.17.39-DSCF0401

Galiza como terra de sacrificio

Pola súa banda, a senadora Carme da Silva, afirmou que este boom de megaproxectos eólicos que se superpoñen uns sobre outros, e cando un proxecto se rexeita aparece outra empresa con outro proxecto para a mesma zona. 

Da Silva fixo referencia aos “cambios no procedemento de tramitación ambiental nos últimos dez anos, que sempre foron para facilitar a tramitación ambiental”, para facilitar que non haxan informes desfavorábeis por impactos paisaxísticos ou patrimoniais, “modificándose sempre ao gusto e necesidades das empresas promotoras, por riba do interese xeral, ambiental e social que ten para o noso país”.

A isto hai que engadir, di a senadora nacionalista “ que o Estado ten unha posición estratéxica para favorecer na Galiza a proliferación de enerxías renovábeis, neste caso eólica”.

Preguntas á Ministra de Transición Ecolóxica

Da Silva anunciou que na próxima sesión de control no senado, no que participará a ministra de Transición Ecolóxica, o BNG xa ten rexistrada unha pregunta para “que nos aclare as consecuencias para Galiza de toda a produción de enerxía que se está a desenvolver nestes momentos, en especial a eólica, e tamén outro impacto que hai moi importante asociado á produción de enerxía eólica, que é o almacenamento hidráulico, con grandes proxectos que se están a tramitar nestes momentos”. “O goberno do Estado ten que definirse se quere a Galiza como terra de sacrificio, cando xa produce moitísima máis enerxía eléctrica da que consume”.

“O xusto -concluíu Da Silva- é que todos estes proxectos reciban un informe desfavorábel, sen que haxa unha planificación eólica adecuada para o país, que atenda as súas necesidades e contribúa ao noso proceso de industrialización

 

Video da rolda

O BNG rexeita o megaparque eólico Greco e realizará unha campaña informativa e recollida de alegacións nos concellos directamente afectados