DESFILE O VENRES 21 NO RECINTO FEIRAL

Debut 2025: Pontevedra acollerá unha semana de actividades arredor da moda

Presentación de Debut 2025
Presentación de Debut 2025
Debut 2025: Pontevedra acollerá unha semana de actividades arredor da moda

Pontevedra, 11 de novembro de 2025. Na noite do venres 21 de novembro, 15 novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Facultade de Deseño presentarán as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de mestrado (TFM) e coas que optarán aos dous premios que se outorgarán na 18 edición de Debut. Este desfile no Pazo da Cultura de Pontevedra constitúe a actividade central da programación que se desenvolverá ao longo da vindeira semana en Pontevedra e na que se insiren tamén dez talleres e seminarios para o alumnado e outra serie de iniciativas abertas a toda a cidadanía, entre elas, a exposición da colección desenvolvida por un grupo de alumnas e alumnos do mestrado xunto con Bimba y Lola e Palomo Spain, que poderá verse no Museo de Pontevedra.

“Debut é un proxecto que permite unha cantidade infinita de sinerxías, no profesional, no académico e no social”, salientou a coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Lola Dopico, na presentación desta programación na Vicerreitoría do campus, nun acto que contou coas intervencións da vicerreitora Eva María Lantarón; o decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico; a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e a deputada provincial de Cooperación Local, María Ramallo. Na súa intervención, Dopico lembrou que o desfile constitúe o “punto álxido” desta programación “alcanza 18 anos”, nos que foi “sempre sumando socios e colaboracións”. Nese senso, puxo en valor o apoio brindado a esta edición por Concello de Pontevedra, Vicerreitoría do campus, Consello Social da Universidade de Vigo, Fundación Artesanía de Galicia, Xunta de Galiza, Fundación Bimba y Lola e a Deputación e o Museo de Pontevedra.

Como o “escaparate anual do talento” que se forma neste mestrado definiu Lantarón un evento que naceu “coa misión de unir creatividade, innovación e proxección profesional”, que reúne cada ano “preto de mil asistentes”. A vicerreitora lembrou tamén que “Debut é moito máis que un desfile”, xa que este forma parte dun programa de actividades que representan “unha ponte clara entre a formación académica e a industria”. Nesa mesma liña, o decano de Deseño destacou a importancia para a facultade dun evento que permite tanto “amosar a creatividade e potencial do alumnado”, como permitir que este teña “un contacto directo con profesionais do mundo do deseño de moda”. Marcos Dopico salientou tamén que é un evento co que colaboran “moitos alumnos e alumnas da facultade”, tanto no deseño da súa parte gráfica, como na propia organización do desfile ou da súa difusión a través das redes sociais. A tenente-alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde, pola súa banda, definiu o apoio a Debut como “unha aposta polo talento creativo” nun sector “estratéxico neste país”.

Máis de 30 coleccións sobre a pasarela

Aberto a toda a cidadanía, o desfile que terá lugar o venres 21 ás 20.00 horas no recinto feiral do Pazo da Cultura contará cun prezo de entrada de 5 euros e nel presentarán os seus TFM 15 novos egresados e egresadas, que optarán tanto ao premio á mellor colección, que outorga a Fundación Bimba & Lola, como ao galardón ao proxecto “con maior calidade artesanal”, entregado pola Fundación Artesanía de Galiza.  

“Creo que van sorprender e seducir”, sinalou Dopico das coleccións que se presentarán na primeira parte deste desfile, completado por un segundo bloque no que poderán verse outra serie de proxectos realizados por estudantes do primeiro curso do mestrado, de tal xeito que este desfile permitirá coñecer en conxunto as coleccións de “arredor de 35 deseñadores e deseñadoras”.

Colaboración con Bimba y Lola y Palomo Spain 

Unha das novidades desta edición será a exposición do proxecto de upcycling resultado “da colaboración entre Bimba y Lola, Palomo Spain e unha selección de estudantes” do mestrado. Esta colección, explicou Dopico, preséntase este xoves 13 en Madrid e é o resultado duns talleres desenvolvidos na facultade que definiu como unha experiencia “moi enriquecedora”. Tras a súa estrea, este proxecto presentarase o xoves 20, ás 19.00 horas no Edificio Castelao, onde as prendas resultado deste proxecto poderán contemplarse entre o martes 18 e o domingo 23. Trátase, recoñeceu a coordinadora do máster, dos resultados finais do “traballo de case un ano”. 

Ademais, o desfile verase complementado pola exposición das coleccións realizadas como TFM na sala de exposicións do Pazo da Cultura, onde poderán coñecerse tanto o sábado 22, de 16.00 a 20.00 horas, como o domingo 23, de 12.00 a 14.00 horas.  

Na programación aberta á cidadanía insírese tamén a mesa redonda Técnicas e procesos na moda: da produción artesanal á industrial, que terá lugar o vindeiro luns, ás 19.00 horas, na Facultade de Deseño. Nela, dúas deseñadoras formadas no título propio de Esdemga, Elena Rial e Vicky Cordero, protagonizarán un diálogo sobre os seus procesos e ferramentas de traballo. Dous días despois, á mesma hora, este centro acollerá unha clase maxistral da deseñadora e estilista Cristina Rodríguez, promovida en colaboración cos Premios Feroz, e que permitirá coñecer o seu traballo no mundo do cinema e a televisión. 

Unha semana de formación e contacto co mundo profesional

A coordinadora do mestrado destacou tamén a colaboración da Fundación Bimba y Lola e do Consello Social da UVigo, no marco das xornadas de empregabilidade que teñen lugar nas diferentes facultades e escolas do campus, á hora de que Debut sexa tamén unha semana de formación e contacto directo co mundo profesional. Nese senso, entre luns e venres desenvolveranse dez talleres e seminarios que permitirán ao alumnado da Facultade de Deseño achegarse aos procesos de fabricación de calzado, a técnicas de cestaría, ao bordado, á patronaxe, ao traballo con volume, á tipografía, á confección de tote bags ou a impresión 3D de accesorios de moda, así como a propia posta en escena dunha colección. 

Por outra banda, o xoves 20 terán lugar no Pazo da Cultura “unhas xornadas técnicas con empresas”, que permitirán aos novos titulados e tituladas manter as súas “primeiras entrevistas” con responsables de recursos humanos de Inditex, Bimba y Lola, Textil Lonia, Parfois e Adolfo Domínguez. 

Debut 2025: Pontevedra acollerá unha semana de actividades arredor da moda