Caldas inicia a colocación das luces de Nadal

Caldas inicia a colocación das luces de Nadal

Caldas, 9 de outubro de 2025. O Concello de Caldas vén de comezar a colocación das luces de Nadal para telas preparadas para o acendido oficial previsto na última fin de semana de novembro. Segundo o tenente de alcalde Manuel Fariña, este ano haberá novos elementos e deseños sorprendentes que farán da vila “un espectáculo” durante as festas. 

Con esta anticipación, Fariña destaca que a Concellería de Cultura e Festas quere ter todo preparado para dar a benvida á tempada do Nadal, creando un ambiente festivo e acolledor para todas as veciñas, veciños e visitantes. Está previsto realizar unha festa de acendido, como xa se celebrou o ano pasado, con música e sorpresas.

Segundo o contrato coa empresa ElectroMiño, ao pulsar o botón do aceso, iluminaranse preto de medio millón de luces micro LED repartidas en arcos e elementos decorativos ao longo de rúas e prazas, cun consumo enerxético que supera os 15.000 watios de potencia pero que resulta eficiente e ambientalmente sustentable pola tipoloxía das luminarias. 

Fariña destaca a importancia de engalanar a vila durante as festas do Nadal co fin de facela atractiva, esperando que as luces e decoracións atraian á xente para gozar das rúas e prazas, ao mesmo tempo que fomenten as compras no comercio local. Como xa é habitual, a intención é manter acendidas as luces ata o día de Reis. 

Ademais, a decoración das luminarias complementarase coa iniciativa do ‘Concurso de Decoración de Rúas Do Nadal’, que por terceiro ano consecutivo repartirá vales de compra nos establecementos do comercio de Caldas. 

Caldas inicia a colocación das luces de Nadal