AS ENTIDADES CULTURAIS RECIBEN 30.000 EUROS
Caldas distribue máis de 70.000 euros entre os clubes deportivos
Caldas, 18 de xuño de 2024. Os Orzamentos do Concello de Caldas de Reis reflicten, en palabras do Tenente de alcalde e responsábel de Cultura e Deporte, “unha aposta sen precedentes pola educación, a cultura e o deporte na vila termal”, que permitirá aos distintos colectivos realizar as súas actividades cun respaldo económico firme por parte da institución municipal.
O nacionalista indicou que unha das partidas máis destacadas nestes orzamentos é a referida ás transferencias de capital ás diferentes entidades sociais, culturais e deportivas, que realizan no seu día a día un importante labor na promoción do deporte e da cultura, ademais de organizar diferentes actividades que contribúen a dinamizar as nosas rúas e prazas. Un labor que o goberno municipal non só valora e recoñece, senón que quere apoiar de xeito decidido para que estes colectivos contribúan aínda máis se cabe a facer de Caldas un concello de referencia.
O tenente de Alcalde detallou algunha das partidas máis importantes como os 19.000€que o goberno municipal transferirá ás ANPAS dos diferentes centros educativos da vila, cos que poderán financiar unha parte moi importante do Plan Madruga, así como realizar ludotecas de continuidade e diferentes actividades durante o curso escolar. Destacou tamén os máis de 70.000€ cos que o Concello de Caldas apoiará a actividade dos diferentes clubes deportivos e que contribuirán a que Caldas sexa sede entre outros moitos eventos de diferentes torneos deportivos de fútbol, tae- kwondo, salvamento e socorrismo que se sumarán a probas doutras disciplinas como o Trail Running, o ciclismo ou as carreiras de orientación.
Destaca Fariña tamén o apoio á Banda de Música Municipal de Caldas, que este ano representará ao concello no Certame Internacional de Bandas de Música “Ciutat de Valencia” e que contará con unha aportación municipal de 10.000€.
Con respecto ás subvencións ás diferentes Asociacións Culturais sen ánimo de lucro, Fariña quixo destacar tamén que a aprobación deste Orzamento municipal contempla unha cifra récord para estas entidades, ao contar cunha partida orzamentaria de 30.000€ que facilitará que estes colectivos programen diferentes actividades durante o ano tanto na vila como no rural, contribuíndo deste xeito á dinamización do espazo público e dos diferentes locais socias cos que conta o noso concello.