O Concello de Caldas organiza polo San Xoán unha sardiñada popular e a tradicional fogueira no río Bermaña
Caldas, 18 de xuño de 2024. O Concello de Caldas quere que haxa festa rachada polo San Xoán. E para iso vén de botar man da festa que tradicionalmente organizaba a veciñanza e os hostaleiros da contorna do río Bermaña para potenciala e abrila a toda a xente que queira asistir, convertendo a noite de lume máis máxica do ano en Caldas nunha cita imprescindible: haberá sardiñada de balde, música e malabares.
O tenente de alcalde Manuel Fariña anunciou que o Concello organizará o vindeiro domingo diferentes actividades para que as familias da zona e visitantes poidan gozar dunha xornada do máis entretida. Serán no Campo da Torre, coa fogueira no medio do río Bermaña, na que se queimará a tradicional figura que veciñas e veciños poñen na cacharela.
Na tarde do domingo 23, a partir das 18 horas, haberá un obradoiro de herbas de San Xoán dirixido por Braulio Mondragón, que dirixirá ás persoas participantes para recoller na zona da Tafona as tradicionais sete prantas básicas que forman o ‘cacho’ co que lavar a cara e facer o ritual protector da noite máis curta do ano.
Ás 20.30 comezarán os pasarrúas do grupo tradicional ‘As Espiñas’ e unha hora despois dará comezo a sardiñada. Apunta Fariña que nesta ocasión repartiranse, totalmente de balde, unhas 1.000 racións de sardiñas e pan, habendo tamén polbo e churrasco a prezos populares. Sobre as dez da noite comezará o concerto do grupo ‘Abril’ e media hora antes do prendido das fogueiras comezará o espectáculo de lume ‘Fire performance’ con malabares a cambio da compañía Asacocirco’. Na media noite terá lugar o momento máis agardado para celebrar a chegada do verán: o acendido da gran cacharela no medio do río Bermaña. Para rematar, haberá outro concerto de ‘Catuxa Salom’.
Fariña fai unha chamada a veciñas e veciños de Caldas a asistir e pasar unha boa noite nesta cita máxica e subliña que a intención do Concello é facer unha festa “á altura que sempre se fixo”. Salienta que antes da pandemia o San Xoán no río Bermaña era unha cita obrigada que marcaba o inicio do verán en Caldas pero que foi perdendo afluencia tamén pola falta de relevo xeracional na organización. “No 2022 non se fixera nada, o ano pasado foi da man da hostalería e no Concello entendemos que debiamos involucrarnos, así que este ano botamos man da festa para que a sardiñada sexa de balde e calquera poida achegarse e pasar un bo momento. Queremos facer un San Xoán á altura do que veciñas e veciños facían nos seus mellores tempos”, destacou.
O nacionalista destacou que a noite de San Xoán Caldas terá tamén moitas outras cacharelas nas parroquias. Animou a todas e todos os caldenses a gozar da festa e, sobre todo, fixo unha chamada á responsabilidade e a só prender as fogueiras autorizadas nas condicións marcadas de seguridade.