Caldas construirá un novo espazo deportivo con zonas verdes nas Corticeiras de máis de 3.800 metros cadrados

Caldas construirá un novo espazo deportivo con zonas verdes nas Corticeiras de máis de 3.800 metros cadrados

Caldas, 13 de xaneiro de 2026. O Concello de Caldas, seguindo a súa política de mellora das instalacións municipais, vai construír un novo espazo deportivo nas Corticeiras de máis de 3.800 metros cadrados. Segundo explica o tenente de alcalde e responsable de Deportes Manuel Fariña, o proxecto, que ascende a máis de 224.000 euros de orzamento, incluirá tanto novas instalacións complementarias ao actual campo de fútbol como tamén unha nova zona verde.

Fariña explica que a actuación pretende modernizar e complementar o actual equipamento dando resposta a unha demanda histórica do equipo de fútbol. A intención é crear unhas novas instalacións que permitan tanto á base como ao equipo principal adestrar e realizar outras actividades fóra do campo principal. “ O noso obxectivo é dotar dunhas instalacións modernas e completas recuperando un espazo de titularidade municipal que está actualmente moi degradado”, subliña o nacionalista.  

A actuación consistirá en reformar unha superficie total de 3.824 metros cadrados. Máis da metade, 2.014 metros cadrados, destinaranse á creación dun espazo polideportivo auxiliar ao campo de fútbol. O resto do terreo, 1.810 metros cadrados, que agora mesmo está cheo de escombros, maleza e presenta un grande desnivel, será obxecto dunha mellora ambiental. 

Segundo explica Fariña, o Concello de Caldas quere aproveitar a necesidade do equipamento para converter a zona nun lugar confortable, limpo e amable para as veciñas e os veciños, así como para as persoas visitantes. “Para iso, vaise promover a creación dunha zona verde na contorna do Umia, que comunica o paseo fluvial coa futura zona polideportiva de As Corticeiras. Así poderase acceder ás novas instalacións camiñando dende a vila”, apunta Fariña.

Os traballos incluirán a limpeza e roza do terreo, así como a nivelación da parcela á cota necesaria, construíndo un muro de contención para estabilizar o noiro de terra existente. As instalacións deportivas contarán coa súa correspondente rede de pluviais, de abastecemento e alumeado. Na zona de axardinamento plantaranse diferentes especies arbóreas de medio porte propias da contorna así como de céspede. O orzamento total será de 224.348 euros, e financiarase tanto con fondos propios municipais como coa axuda do III Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación, cuxa achega xa está confirmada.

Cabe lembrar que o campo de fútbol das Corticeiras, que agora disporá do espazo anexo de adestramento, xa foi obxecto de mellora nos últimos exercicios. Recentemente renovouse a iluminación, máis potente e uniforme sobre o terreo de xogo, e instalouse unha ampliación da cuberta para as gradas pola parte traseira para garantir unha protección total do público fronte ao vento e a chuvia.

O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que a execución de todos estes traballos supón na práctica unha mellora integral do campo. Destaca que As Corticeiras é utilizado a diario por centos de deportistas e acude numeroso público, polo que o obxectivo “é conseguir a máxima calidade e confort nas instalacións, algo que está a facerse realidade”.

Caldas construirá un novo espazo deportivo con zonas verdes nas Corticeiras de máis de 3.800 metros cadrados