As obras da Carballeira e o Xardín Botánico de Caldas entran nunha nova fase coa plantación de novas árbores, arbustos e plantas
Caldas, 14 de xaneiro de 2025. O Concello de Caldas de Reis Caldas vai iniciar unha nova fase das obras da Carballeira e o Xardín botánico consistente na plantación de novas árbores, arbustos e plantas. O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que xa se rematou o traballo de retirada de especies invasoras e da vexetación en mal estado e agora comeza o labor de xardinería e paisaxismo, que se irá desenvolvendo de maneira case paralela aos traballos de albanelería e de adecuación das instalacións para recuperar o aspecto primixenio da zona verde.
Fariña apunta que o director do proxecto, o decano do Colexio de Enxeñería Agrónoma de Galiza Pedro Calaza, e representantes da empresa ‘Xestión Ambiental de Contratas’ están coordinando os traballos desta segunda fase. Nestes momentos trabállase na selección e verificación dos exemplares da nova vexetación, mercados en viveiros de todo o mundo, tanto dentro do país como incluso chegados dende Bélxica, entre outros lugares do estranxeiro.
A renovación do arborado vaise facer por zonas tal e como se indicou no Plan Director, realizando aliñacións e renovación das arboredos para mellorar o conxunto, sempre respectando a súa imaxe e composición históricas. A intención é incrementar a biodiversidade real do espazo, tanto en número de especies distintas, como en porcentaxes respecto ao total de árbores, reincorporando pezas que non existen na actualidade pero que foron utilizadas no parque-xardín ao longo da súa existencia, explica Fariña.
En concreto, por exemplo, no Parque dos Choróns, a proposta pasa por reforzar a presenza de exemplares do xénero Sálix e incorporar especies novas vencelladas coa historia do lugar como as Grevillea spp. ou especies xa perdidas como Populus simonnii. Así mesmo, foi proposta a posibilidade de incorporar exemplares dunha especie orixinaria de Colombia, recomendada por persoas expertas do país suramericano para fortalecer o vínculo con Caldas. O obxectivo de todo este traballo é a recuperación da riqueza botánica do parque xardín para a mellora patrimonial, da estética, e da funcionalidade do espazo.
De maneira paralela ao axardinamento e paisaxismo, realizaranse tamén melloras e adecuación das instalacións. Segundo explica Manuel Fariña, xa foron retirados todos os bancos vellos e está feita a provisión dos novos, que se instalarán nos próximos días.
Ademais, seguiranse retirando outros elementos de mobiliario, como papeleiras e cartelería; levantaranse os farois en mal estado, desmontarase o cableado nas copas dos árbores, os puntos de toma de corrente eléctrica, os xogos infantís, a caseta de madeira e o escenario; demolerase a soleira de formigón e levantaranse os pavimentos en mal estado.
Posteriomente, realizaranse os traballos de albanelería de limpeza xeral de muros de pedra e peches de perpiaños na zona do río, a restauración das gradas e o arranxo de bordos. Poranse a cota os pozos de saneamento e instalaranse novas bocas de rego e puntos de luz, ademais de recuperar e recebar os camiños existentes e pavimentar o camiño da Ruta dos Muíños segundo un deseño a modo de pedras de muíño toradas de granito de diferentes tamaños.
Segundo explica o tenente de alcalde de Caldas Manuel Fariña, as obras de restauración da Carballeira e o Xardín Botánico van “en tempo e forma” e poderán estar finalizada a principios da primavera deste 2026. Cabe lembrar que o proxecto ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7’ conta cunha subvención de 1,5 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Industria.