REALIZARÁ VISITAS TEATRALIZADAS DA MAN DE BEA CAMPOS
Caldas aposta por novos formatos para dar a coñecer a Fábrica da Luz
Fariña destaca que tanto as visitas teatralizadas como o libro buscan redescubrir o espazo “desta xoia do patrimonio caldense” cun formato diferente. Durante o percorrido dramatizado explicarase a historia dos diferentes edificios e percorrerase a canle-túnel que conducía a auga dende a parte de arriba da fervenza de Segade ata a propia central eléctrica onde estaba a sala de máquinas coas as turbinas. O obxectivo, apunta o nacionalista, é que as e os escolares e tamén a veciñanza poidan revivir en primeira persoa e de maneira amena o avance que supuxo a central como acontecemento histórico.
Os pases escolares organizáronse e coordináronse directamente dende o departamento municipal de Cultura cos centros de ensino. No caso da visita aberta ao público do domingo 28, as persoas interesadas deben facer a correspondente inscrición previa na oficina de Turismo (persoalmente ou no teléfono 886 15 75 04), xa que as prazas son limitadas.
Como complemento a estas visitas dramatizadas, o Concello vai iniciar tamén o reparto do libro divulgativo destinado a nenas e nenos editado co gallo do aniversario da central hidroeléctrica. A rapazada que asista ás visitas xa o recibirá no propio terreo e ao resto dos escolares entregaráselles nos seus colexios.
Na publicación explícase de maneira didáctica que a Fábrica da Luz de Caldas foi a primeira en producir enerxía en Galicia e iso fixo que dende a vila termal “saíse por vez primeira a luz que iluminaba casas e rúas de moitos lugares do país, ademais de ser fonte de progreso e desenvolvemento para o municipio, permitindo poñer en marcha moitas iniciativas”. Apúntase que a idea de aproveitar o caudal do río para producir electricidade xurdiu do enxeñeiro Laureano Salgado, chamado o ‘rei dos saltos de auga’.
Fariña destaca que o Concello quere poñer en valor o patrimonio industrial da vila entre persoas de todas as idades a través de actividades dinámicas, fuxindo na medida do posible das tradicionais charlas e conferencias que en moitas ocasións poden resultar demasiado ríxidas para o público mozo.