15 DE MARZO

Caldas acollerá o Campionato Estatal de Trailrunning na modalidade Short Trail individual e clubs

Caldas acollerá o Campionato Estatal de Trailrunning na modalidade Short Trail individual e clubs

Caldas, 26 de febreiro de 2026. Conta atrás para que Caldas de Reis sexa o epicentro do ‘trail running’ no estado. O vindeiro 15 de marzo, acollerá o Campionato de España Trailrunning  na modalidade Short Trail individual e de clubs nas categorías Sub 23, absoluta e masters dentro da proba da ‘Laxe dos Bolos’, que este ano cumpre a súa terceira edición. A presentación oficial celebrouse hoxe no Concello de Caldas, coa presenza dos representantes municipais, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galiza ademais da Federación Galega e Española de Atletismo.  

Polo de agora, coas inscricións aínda abertas ata o 10 de marzo, hai preto de 400 persoas participantes anotadas para as súas diferentes modalidades. A primeira e máis importante será o Campionato de España 2026, que se decidirá nos seus 43 quilómetros e máis de 2.300 metros de desnivel positivo e que, ao ser unha proba aberta, permitirá tamén a participación de calquera persoa. 

A segunda modalidade será a do trail 8k (con 122 persoas inscritas), que en pouco máis de oito quilómetros ten case 400 metros de desnivel positivo. Percorrerá as zonas máis emblemáticas da contorna, como os muíños, o túnel e a Fervenza de Segade cun novo treito técnico a carón da mesma, e un final vertixinoso marcado polos dous últimos descensos, que propiciarán unha chegada a meta moi loitada. 

A terceira modalidade é a do trail 19k (137 inscritas), con case 20 quilómetros de lonxitude, compartirá trazado en Segade e Santa María co trail curto e case a súa totalidade tamén cos últimos quilómetros do Campionato de España. Con algo máis de 1.050 metros de desnivel positivo polo monte será unha prova “divertida, con moitas sorpresas e xoguetona”, segundo os seus deseñadores. Tamén haberá unha andaina aberta a toda a veciñanza.

Haberá máis de 2.500 premios en metálico para o Campionato 43k, ademais de premios por segmentos, premios especiais e por categorías, acumulables ás vitorias oficiais. Os trofeos entregaranse sobre as 13 horas do propio domingo, cando tamén se realizará unha degustación de produtos típicos de Caldas de Reis.

Na presentación, o concelleiro de Deportes Manuel Fariña subliñou que a proba está xa a deixarse notar na actividade e na vida diaria da vila termal, posto que son bastantes as e os deportistas que se teñen instalado e xa están a adestrar nos montes Xiabre e de Santa María. Segundo indicou o nacionalista o Concello ten a punto, desbrozados e acondicionados, os camiños polos que discorrerá o trazado principal, estando nestes momentos realizándose o balizamento oficial que permitirá facer os adestramentos aínda con maior seguridade. 

Fariña destacou que “tanto pola súa orografía natural, pola súa capacidade, así como pola aposta polo deporte e vontade de colaboración do Concello” Caldas é un lugar perfecto para acoller probas deste tipo e categoría. O edil indicou que o ‘Trail Laxe dos Bolos’ está a ter unha proxección “vertixinosa”: na primeira edición reuniu centos de participantes, na segunda acolleu o Campionato Galego da modalidade, e neste 2026 deu o salto á competición estatal, atraendo ata Caldas as e os mellores corredores de montaña de todo o estado na primeira vez que esta carreira se celebrará na Galiza. 

Caldas acollerá o Campionato Estatal de Trailrunning na modalidade Short Trail individual e clubs