A Biblioteca Martínez Ferro de Caldas convértese en espazo de conversa para practicar galego e inglés

Manuel Fariña na biblioteca
Manuel Fariña na biblioteca
A Biblioteca Martínez Ferro de Caldas convértese en espazo de conversa para practicar galego e inglés

Caldas, 26 de febreiro de 2026. A Biblioteca Martínez Ferro vai converterse nun punto de encontro no que se habilitarán espazos de conversa en galego e inglés. Esta iniciativa municipal nace co obxectivo de fomentar a práctica de idiomas de maneira amena e relaxada, permitindo a veciñas e veciños mellorar as súas destrezas lingüísticas nun ambiente acolledor.

As sesións están deseñadas para que as persoas participantes poidan interactuar nunha contorna informal, facilitando así a aprendizaxe e a confianza á hora de comunicarse nun idioma que non dominan ou que queren perfeccionar, mellorando a fluidez na lingua, practicando pronunciación, traballando a escoita e incrementando o vocabulario falando de moi diferentes temas. O obxectivo é que veciñas e veciños adultos da propia vila, así como tamén persoas estranxeiras que vivan en Caldas, ademais de adestrarse no idioma elixido, tamén coñezan xente nova. 

As reunións, que se realizarán varias veces ao mes con unha hora e media de duración cada unha (en galego todos os mércores ás 11h e en inglés dous sábados ao mes ás 11.30h), non están pensadas como aulas de aprendizaxe. Con todo, estarán dinamizadas e titorizadas por persoal da Biblioteca e outro especializado -dunha academia local-, financiado pola Concellaría de Cultura.  

O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura Manuel Fariña declarou que é moi interesante para o Concello ofrecer espazos onde veciñas e veciños poidan aprender e practicar idiomas. “Estes encontros para fomentar o diálogo e a interculturalidade son extraordinarios. Permiten pasar un momento agradable en boa compaña e ademais practicar unha lingua de maneira relaxada”, subliñou, animando ás persoas que precisen mellorar as súas habilidades lingüísticas a tomar parte da iniciativa.

Os grupos, tanto para practicar galego como para practicar inglés, están en formación e aínda hai prazas libres -totalmente de balde- para quen desexe apuntarse. A idea, de acadar un número mínimo de inscricións, é empezar coas conversas o próximo mes de marzo. Pódese obter máis información na propia Biblioteca ou chamando ao teléfono 986 530 604.

A Biblioteca Martínez Ferro de Caldas convértese en espazo de conversa para practicar galego e inglés