14 E 15 DE MAIO. SEDE DE AFUNDACIÓN E O SANATORIO
O Congreso Flúor reunirá en Pontevedra os mellores profesionais do marketing e a comunicación baixo o lema "O valor de elixir"
Pontevedra, 6 de maio de 2026. A cidade de Pontevedra converterase un ano máis no epicentro da industria creativa e do marketing dixital coa celebración da oitava edición do Congreso Flúor, os vindeiros días 14 e 15 de maio. O acto de presentación oficialtivo lugar esta mañá de mércores, encabezado polo director do congreso, Alberto Garnil, e clausurado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Alberto Garnil, director do encontro, anunciou que por vez primeira o congreso contará cunha temática central: "O valor de elixir". Segundo explicou, o obxectivo deste ano é "contrapoñer o valor das ideas e o papel humano fronte ao instinto da tecnoloxía" nun contexto de transformación do sector.
Para afondar nestes procesos de toma de decisións, o Congreso Flúor reunirá a máis de 25 expertos. O cartel inclúe a figuras destacadas como Javier Campopiano, un dos mellores creativos do mundo que se encargará da apertura; Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez; Nacho Padilla, actual director de marca de Renfe; ou Ester Morell, Directora de Marketing e Comunicación de ILUNION. O broche de ouro porao o pontevedrés Santiago Miguélez, director de marketing de Estrella Galicia. Ademais, participarán marcas de gran prestixio como Cupra, Tous, Ducati e Viña Costeira.
A estrutura do evento tamén presenta novidades. O xoves 14, as conferencias individuais e dúas mesas de debate terán lugar no recinto habitual de Afundación, namentres a xornada do venres 15 trasladarase ao espazo creativo "O Sanatorio". Alí desenvolverase un formato máis experiencial con catro obradoiros presenciais reducidos a 15 prazas cada un.
Nesta edición, a organización fai unha aposta decidida polo talento mozo da man da Universidade de Vigo. Levaranse a cabo dinámicas de speed dating para que o alumnado do campus de Pontevedra poida conectar con axencias e atopar oportunidades laborais. A grande novidade será a I Olimpíada de Creatividade, na que participarán uns 100 alumnos e aluumnas resolvendo un briefing formulado por Nacho Padilla para a marca Avlo de Renfe. Os cinco equipos finalistas presentarán as súas propostas o venres ante un xurado composto por profesionais do talle de Padilla, Xisela López e Julián Abad.
A organización confirmou que xa conta con 200 inscritos, coa previsión de superar os 650 asistentes da pasada edición, o que marca un crecemento continuo para o evento.
O crecemento do Congreso Flúor susténtase no apoio unánime das institucións. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, encargado de pechar a presentación, felicitou ao Clúster de Comunicación de Galiza e á organización por consolidar o certame como "o mellor congreso de Galiza e o noroeste peninsular" e ser unha "referencia a nivel de Estado". Lores reafirmou que o Concello seguirá sendo o patrocinador principal e celebrou especialmente a interrelación coa universidade: "O que quere o concello é que a xente que estuda en Pontevedra poida tamén ter un futuro laboral na propia cidade, e para iso este congreso dende logo abre moitísimas portas”.
As entradas para a oitava edición do Congreso Flúor xa se atopan á venda na npáxina web oficial: https://congresofluor.com/.