Bora e Lourizán quedarán unidas para peóns e ciclistas
26 dec. 2012 - 19:15
Prolongar o actual paseo da Avenida de Marín até a praia de Praceres forma parte das peticións realizadas polo alcalde á ministra de Fomento na primeira visita oficial que Ana Pastor realizou á cidade. A proposta municipal, que xa toma forma de memoria valorada, consiste en prolongar a actual estética do borde marítimo da zona de Mollavao, até a praia dos Praceres, tal como adiantou hoxe o concelleiro de infraestruturas Cesar Mosquera.
Con este proxecto, moi brando e que non condiciona a posibel recuperación do terreo ou a modificación da actual autovía nun futuro sen ENCE, queda practicábel para a mobilidade natural todo o fronte marítimo fluvial do río-ría, entre Bora e Lourizán, un dos obxectivos da reforma urbana que leva anos iniciada en Pontevedra. O orzamento estimado deste proxecto vai entre os 2,7 e os 3,7 millóns de euros, dependendo das distintas opcións que se queiran levar a cabo.
A intervención nesta liña litoral parte do actual paseo da avenida de Marín, a partires do que a obra ofrece dúas posibilidades, debido á proximidade da canle de navegación á actual autovía. Unha consiste en que o paseo decorra por un dos actuais carrís de saída até o actual nó. Outra, en realizar un voladizo de madeira até o treito de recheo que a obra do nó deixou sen uso hai pouco tempo, conservando os dous carrís de circulación cara a Marín.
No treito que ocupa o actual no elevado, a intervención é doada, xa que só hai que axeitar o recheo con pavimento novo e mobiliario urbano. En canto ao treito que vai do nó á pasarela das mariscadoras, propónse un voladizo pilotado, que pode ser de 3 ou 5 metros, para permitir neste último caso a segregación de usos entre bicis e peóns. Outro tanto ocorre coa pasarela actual, que cabe mantela como está ou continuala ata a autovía, co que quedaría unha sección de 5 m.
En canto ao último treito, que vai entre o remate da pasarela e a praia dos Praceres, na Punta do Cabo, o novo paseo percorrería as vías actuais até desembocar no pequeno areal existente.