O BNG traslada ao Parlamento, á Xunta e á Valedora do Pobo as miles de sinaturas recollidas para demandar a mellora da sanidade pública en Poio
Poio, 27 de abril de 2022. No día de hoxe unha representación do Consello Local do BNG de Poio, encabezada pola responsábel local, Marga Caldas, mantivo un encontro coa Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada responsábel de Sanidade, Montse Prado para trasladarlle as demandas sanitarias de Poio e, posteriormente, fixeron entrega das miles de sinaturas recollidas perante a Valedora do Pobo e a Consellaría de Sanidade.
“Poio -afirmou Marga Caldas- vive unha situación límite, con baixas sen cubrir, o centro de saúde de Raxó sen médico diario e sen atención médica polas tardes en Anafáns. Todo isto, xunto coas listas de agarda interminábeis, fan que numerosos veciños e veciñas se vexan na obriga de acudir ao PAC da Parda ou a Urxencias de Montecelo”.
Para facer fronte a esta situación, o BNG promoveu unha campaña de recollida sinaturas en defensa da sanidade pública que culminou cunha exitosa concentración o pasado 24 de Marzo.
Ante o éxito da campaña, desde o BNG “queremos parabenizar aos locais comerciais e á veciñanza en xeral que participaron de todos os xeitos posibeis, así como tamén a gran implicación da Plataforma SOS Poio e da CIG.
“Desde o BNG comprometémonos a seguir traballando para defender o dereito a unha sanidade pública e de calidade no noso concello”, afirmou Marga Caldas.