A BAIXA SALINIDADE DEBIDO ÁS CHUVIAS E Á APERTURA DO ECORO DE EIRAS SUPUXO A MORTE DE PERTO DO 90% DA AMEIXA

O BNG solicita axudas para o sector do marisqueo na ría de Vigo

manu parlamento
O BNG solicita axudas para o sector do marisqueo na ría de Vigo

Soutomaior, 18 de febreiro de 2021. O deputado do BNG Manu Lourenzo rexistrou no día de onte uha iniciativa no Parlamento Galego na que demanda axudas para o sector marisqueiro do fondo da ría de Vigo. Esta iniciativa rexistrouse despois de diferentes contactos con varios axentes do sector que confirmaron a dramática situación na que se atopan os bancos marisqueiros nos últimos días.

Estamos ante un panorama desolador, sinalou Manu Lourenzo, o descenso na salinidade das augas motivada polas choivas das últimas semanas e pola apertura das comportas do encoro de Eiras provocou unha catástrofe nos nosos bancos marisqueiros. Estamos a falar de que tal e como nos confirman dende o sector temos zonas nas que morreu máis do 90% da ameixa e os danos para os nosos mariñeiros e mariscadoras son incalculábeis.

Manu Lourenzo destacou tamén que o sector leva meses padecendo o impacto da pandemia, cun peche da hostalaría que afecta de maneira directa a un sector que supón un motor económico no fondo da ría de vigo e que só en Arcade dá de comer a máis de 200 familias.

Manu Lourenzo sinalou que esta mortaldade da ameixa supón un golpe de consecuencias imprevisíbeis para centos de familias. Dende o BNG demandamos que a Xunta de Galiza habilite partidas extraordinarias para axudar a un sector que está a atravesar un momento crítico. Isto non se pode resolver coas axudas anuais, estamos ante unha situación extraordinaria e precisamos de medidas extraordinarias. Se deixamos caer o noso mar estaremos deixando caer a economía de todo o concello de Soutomaior e de varios concellos da contorna. Dende o BNG pediremos un acordo de todos os grupos que parta de atender as propias demandas do sector, concluíu.

O BNG solicita axudas para o sector do marisqueo na ría de Vigo