O BNG rexistra na Xunta máis de medio milleiro de sinaturas da veciñanza de Soutomaior en defensa da sanidade pública
Soutomaior, 27 de xuño de 2024. O BNG de Soutomaior achegouse este mércores ata a oficina do Rexistro Xeral da Xunta, en Santiago, para levar o máis de medio milleiro de sinaturas recollidas da veciñanza de Soutomaior en defensa da sanidade pública. Estas sinaturas foron recollidas polo BNG nunha campaña que se estendeu entre os meses de maio e xuño, e coa que os nacionalistas esixen ao PP que acabe cos recortes na saúde da veciñanza de Soutomaior e á Xunta que dote do persoal e os recursos necesarios o centro de saúde de Arcade.
Neste sentido, o BNG trasladou ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a demanda da veciñanza de Soutomaior de contar no centro de saúde cun médico ou médica máis, pasando dos tres facultativos actuais a 4. O responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas, sinalou que o xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Flores, comprometérase nunha reunión mantida o pasado verán co Goberno de Soutomaior a aumentar esa praza de Atención Primaria a comezos de 2024. “Estamos xa na metade de ano e a Xunta non cumpriu o prometido, e polas declaracións de José Flores, está claro que non teñen pensado cumprir”.
Ademais, o BNG tamén esixe á Xunta que se repoña no centro de saúde de Arcade a praza de Pediatría que leva case dous anos vacante, despois de que a Xunta se negase a cubrir a baixa de longa duración da anterior facultativa, deixando ás familias de Soutomaior nunha situación inaguantable. José Costas sinalou que “a multitudinaria manifestación do mes de maio demostra que a veciñanza de Soutomaior está farta das escusas e mentiras de José Flores, do PP e da Xunta. Están a xogar coa saúde dos nosos veciños e veciñas e iso é intolerable”.
O responsable local do BNG de Soutomaior sinalou que “imos seguir traballando nas rúas e nas institucións para garantir a saúde da nosa veciñanza. Non nos valen os parches nin as solucións parciais da Xunta. Esiximos a fin dos recortes do PP na saúde da veciñanza de Soutomaior e que a Xunta dote co persoal e os recursos necesarios o centro de saúde de Arcade para que a veciñanza teña totalmente garantidos os seus dereitos”, concluíu José Costas.