Soutomaior amplía o seu cadro de persoal de traballadores de rúa a máis de 20 persoas
Soutomaior, 27 de xuño de 2024. O Concello de Soutomaior vén de ampliar o seu cadro de persoal de traballos de rúa (albaneis, peóns forestais e persoal varredor), contando agora mesmo con máis de 20 persoas realizando labores de mantemento e limpeza de vías municipais, varrido, rozado de maleza e albanelería. En concreto, o Goberno de Soutomaior incorpora á brigada de obras, a través de fondos propios e de subvencións de diferentes institucións conseguidas polo equipo de goberno e as funcionarias municipais, 8 peóns forestais, 4 varredores e varredoras e 1 albanel. O obxectivo do Goberno de Soutomaior con esta ampliación é dar un mellor servizo á nosa veciñanza e garantir que Soutomaior estea limpo e arranxado.
Esta cifra supón un notable incremento con respecto ás tres persoas que forman parte do persoal municipal e coas que unicamente contaba o Concello de Soutomaior en setembro do ano pasado. Ademais, grazas á xestión do Goberno de Soutomaior, parte do novo persoal que vén de incorporarse nos últimos días manterase no cadro de traballadores durante o que queda de ano. Isto evitará que se repita esta situación insostible de contar unicamente con tres traballadores na rúa. Unha situación herdada pola xestión do anterior grupo de goberno e que facía imposible garantir a mínima eficiencia na prestación de servizos municipais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, quen mantivo hoxe precisamente unha reunión cos novos traballadores e traballadoras que veñen de incorporarse á brigada de obras, agradeceu “o traballo do equipo de Goberno e das funcionarias municipais para que Soutomaior accedese a máis axudas para a contratación de persoal das que nunca se conseguiran, garantindo que o noso concello conte coa mellor brigada de obras da historia de Soutomaior”.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “sabemos que é imposible chegar a todos os lugares do concello que precisan de mantemento de maneira inmediata, mais hoxe por hoxe Soutomaior é un concello mellor, cun proxecto claro e definido, que non deixa a ningún barrio nin veciño atrás e que traballa para que a nosa veciñanza desfrute dun concello limpo e arranxado”.