O BNG rexeita a Lei de Saúde que trata un problema de saúde pública como se fose de orde pública
Pontevedra, 22 de febreiro de 2021. O BNG rexeita a modificación da Lei de Saúde por pretender limitar e confinar dereitos fundamentais das galegas e galegos, convertendo un problema de saúde pública nun problema de orde pública. As enfemidades, dixo Bará, “non se combaten con multas se non con médicxs”.
Luís Bará, comezou a comparecencia de prensa criticando o procedemento para a aprobación desta Lei, que en vez de ser un proxecto de Lei do goberno (tempo tiveron, anunciáronno no verán e chegou a ir ao Consello da Xunta) tramítouse como proposición de Lei urxente do PP co claro obxectivo de “vetar a participación e o debate da sociedade (colectivos sanitarios, concellos, CES…) e aforrar e eliminar informes xurídicos. Trátase, en palabras do deputado nacionalista, dun caso de “filibusterismo parlamentario”, no que se perverte o Parlamento ao poñelo ao servizo do executivo.
Bará asegurou que se trata dunha “Lei de orde pública en vez dunha lei de saúde pública”. Deste xeito lembrou que cando estamos no medio dunha grave pandemia, con máis de 2000 persoas falecidas, o PP en lugar de medidas sanitarias pretende aprobar medidas restritivas e represivas, con multas que poden chegar aos 600.000 euros no caso das sancións máis graves, e cargando toda a responsabilidade de control nos concellos.
As enfermidades non se combaten con multas, se non con médicxs
É unha Lei acusatoria e culpabilizadora, que trata como sospeitosa a toda a poboación e traslada as responsabilidades aos comportamentos individuais e ás medidas restritivas e punitivas, para eximir de responsabilidades ás autoridades sanitarias. O deputado nacionalista lembra que xa existen mecanismos para sancionar condutas irresponsábeis, e o que fai falta é “reforzar o sistema de saúde.
A Lei de Saúde que presenta o PP crea un estado de alarma semipermanente, cando este debera ser extraordinario e regulamentado. Así:
- Suspéndense ou limítanse dereitos fundamentais, sen límite temporal fixo: o tempo que se considere “necesario”.
- Outorga ás autoridades sanitarias superpoderes policiais, sen ningún tipo de control e sen ter que render contas no Parlamento.
- Impón medidas como tratamentos ou probas diagnósticas contra a ética médica.
- Paradoxalmente non establece medidas de intervención en residencias de maiores (non incluídas na Lei), cando foron o principal foco de mortalidade na pandemia.
Para o BNG, salientou Luís Bará, as prioridades na loita contra a pandemia deben ser outras. O que salva vidas non é o control e as sancións; o que salva vidas é ter un sistema sanitario de coidados público e forte, e tamén un sistema robusto de investigación e ciencia.
As propostas realizadas polo BNG, ademais de favorecer a participación, o diálogo e o debate, buscan reverter os recortes dos últimos once anos e construir un novo sistema de saúde corrixindo as deficiencias e as ineficiencias:
- Dotar ao sistema de saúde de máis medios, máis profesionais e con mellores condicións laborais.
- Reforzar a atención primaria que é, xunto coa medicina preventiva, a base do sistema, con 200 millóns de euros.
- Reforzar a atención hospitlarios, cun plan de choque que permita recuperar as 600.000 consultas menos, as 20.000 probas diagnosticas menos e as 3.000 operacións menos que se realizaron até o de agora, co evidente deterioro e agravamento de enfermidades crónicas, cardiovasculares e de detección e tratamento do cancro.
- Dar unha maior atención á saúde mental e á atención psicolóxica.
- Recuperar as áreas sanitarias comarcais suprimidas pola Xunta do PP.
- Crear us sistema de saúde pública: rede de alertas e vixilancia epidemiolóxica, sistema público de rastrexo para detectar gromos e cortar as cadeas de transmisión.
- Creación dun sistema público de investigación sanitaria que integra as tres fundacións públicas e centros de investigación universitarios para impulsar o desenvolvemento científico e tecnolóxico. Na Galiza hai profesionais de investigación punteiras en condicións laborais indignas.