O BNG reclama á Xunta e ao Estado un Plan de Dinamización para reforzar Peinador con compromisos e financiamento dentro dunha estratexia aeroportuaria de país

Manuela Rodríguez
Manuela Rodríguez
O BNG reclama á Xunta e ao Estado un Plan de Dinamización para reforzar Peinador con compromisos e financiamento dentro dunha estratexia aeroportuaria de país

Pontevedra, 26 de xuño de 2026. O BNG reclamou hoxe na Deputación a posta en marcha dun Plan de Dinamización do Aeroporto de Peinador que permita reforzar esta infraestrutura con medidas concretas, compromisos orzamentarios e unha estratexia de futuro que consolide o seu papel como terminal de referencia para a área de Vigo e o conxunto do sur de Galiza. A deputada Manuela Rodríguez defendeu que o futuro de Peinador “non pode seguir dependendo das decisións caprichosas das compañías aéreas nin da competición entre cidades”, senón que require un compromiso firme das administracións para reforzar o aeroporto “dentro dunha planificación global do sistema aeroportuario galego”.

Entre as actuacións que o Bloque considera prioritarias dentro do Plan de Dinamización figuran a mellora dos accesos á terminal, a súa conexión intermodal, a apertura das instalacións durante as 24 horas, o aproveitamento das potencialidades do aeroporto para o transporte de mercadorías, a recuperación da torre de control presencial e a creación dun servizo de autobús exprés que conecte Vigo con Peinador, tal e como xa existe noutros aeroportos galegos.

A deputada explicou que todas estas actuacións deben ser impulsadas conxuntamente pola Xunta e o Goberno do Estado, acompañadas dos recursos económicos necesarios para garantir a súa execución. Para o Bloque, a solución para Peinador pasa por un modelo de cooperación institucional que permita captar e consolidar rutas de forma estable, evitando que o futuro da terminal dependa de negociacións puntuais con compañías aéreas.

O BNG volveu reiterar a súa oposición a que o Concello de Vigo continúe destinando recursos municipais para subvencionar compañías aéreas. Segundo Rodríguez, o modelo das subvencións ás aeroliñas demostrou sobradamente o seu fracaso. “Só beneficia ás empresas privadas sen garantir unha oferta estable nin consolidar conexións a longo prazo. Cando consideran que os cartos non lles compensan, simplemente marchan de Peinador”, afirmou.

Un sistema aeroportuario galego baseado na cooperación

O BNG insistiu en que o competidor de Peinador “non é nin Santiago nin A Coruña”, senón o aeroporto Sá Carneiro do Porto, que concentra unha parte importante da demanda do sur de Galiza. Por iso, Manuela Rodríguez defendeu abandonar a competencia entre aeroportos galegos e avanzar cara a un auténtico sistema aeroportuario de país, baseado na cooperación, na especialización e na complementariedade entre Peinador, Alvedro e Lavacolla.

A deputada lembrou amais que esta estratexia debe ir acompañada da transferencia das competencias aeroportuarias a Galiza. “Se queremos decidir sobre o presente e o futuro dos nosos aeroportos, o primeiro que necesitamos son as competencias. O BNG leva anos reclamando esa transferencia porque entendemos que a planificación aeroportuaria debe responder ás necesidades do país e non a decisións tomadas desde Madrid”, concluíu.

O BNG reclama á Xunta e ao Estado un Plan de Dinamización para reforzar Peinador con compromisos e financiamento dentro dunha estratexia aeroportuaria de país