O BNG defende que a exención do IBI ás comunidades de montes está avalada pola xurisprudencia e critica que o PP obrigue a reclamar “caso por caso” no ORAL
Pontevedra, 26 de xuño de 2026. O BNG na Deputación de Pontevedra defendeu hoxe no Pleno que a exención do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ás comunidades de montes en man común está plenamente avalada pola lexislación e pola xurisprudencia. A deputada Manuela Rodríguez cualificou de “lamentable” que o goberno provincial do PP rexeitase a proposta nacionalista para que o ORAL recoñeza ese dereito de oficio e continúe obrigando ás comunidades a reclamar “caso por caso”.
A nacionalista criticou que o goberno provincial manteña unha interpretación restritiva da normativa cando existen resolucións xudiciais que “aclaran perfectamente” como debe aplicarse a exención. Durante o debate, a nacionalista lembrou especialmente a sentenza ditada nun procedemento xudicial entre o propio ORAL e unha comunidade de montes do concello de Mos, no que o organismo provincial decidiu personarse para defender o dereito ao cobro do imposto como entidade xestora da recadación.
“Esa sentenza dálle claramente a razón á comunidade de montes e deixa establecido que, unha vez acreditada a propiedade comunal, a exención do IBI corresponde ao conxunto do terreo, con independencia da súa cualificación urbanística”, explicou Rodríguez. A deputada subliñou que a resolución xudicial tamén despexa calquera dúbida sobre as construcións existentes nos montes veciñais.
Segundo insiste a nacionalista, os tribunais deixan claro que se existen edificacións situadas en terreos pertencentes ás comunidades de montes, non lles corresponde pagar o IBI. “A interpretación xurídica é clara e por iso resulta incomprensible que o PP siga obrigando ás comunidades a iniciar reclamacións individuais para que finalmente se lles dea a razón”, afirmou.
Para o Bloque, manter este sistema supón prolongar un “absurdo administrativo”, xa que o ORAL dedica recursos públicos a emitir e cobrar recibos que posteriormente, tras as reclamacións ou os procesos xudiciais, acaba tendo que devolver cos correspondentes xuros. Para a deputada do BNG, esa posición “non se sostén” cando xa existe unha doutrina xudicial consolidada que interpreta o alcance da exención.
O BNG aproveitou a súa intervención para realizar unha defensa do modelo galego de monte veciñal en man común e da función social, económica e ambiental que desempeñan as comunidades de montes.