O alcalde de Pontevedra asina por emerxencia a adxudicación das obras da rúa do Santo para solucionar os asolagamentos
Pontevedra, 29 de xuño de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, vén de asinar o decreto de emerxencia para a renovación da canalización do río Praceres na rúa do Santo. A actuación, que busca pór fin aos recorrentes problemas de asolagamentos que sofre a zona, adxudicouse á empresa Veolia por un montante de 491.404,27 euros.
O desbloqueo definitivo logrouse a pasada semana coa recepción da última autorización favorable que estaba pendente: a emitida por ADIF. Con este trámite, que se suma ás autorizacións de Augas de Galiza e da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), o Concello está en disposición de iniciar de inmediato os traballos. Este mércores, 1 de xullo, asinarase a acta de replanteo para comezar coa maquinaria a mediados da vindeira semana.
"Teño que manifestar a miña satisfacción porque este é un proxecto feito nun prazo récord de tempo", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores ao avaliar a adxudicación. O rexedor quixo destacar especialmente "o comportamento dos veciños e veciñas, das administracións que nos deron a autorización nun prazo récord, e ao traballo dos técnicos municipais e de Augas de Galiza".
O contrato establece un prazo de execución de tres meses, polo que os traballos se estenderán previsiblemente ata finais do mes de setembro. A prioridade do Concello, avalada polos informes técnicos, é que a nova tubaxe estea completamente instalada e en funcionamento antes de que cheguen as chuvias, resolvendo o conflito de cara ao inverno que vén.
A nivel técnico, substituirase a actual canalización do río de 800 milímetros por un tubo de 1.200 milímetros o que garante máis do dobre de capacidade nunha lonxitude de 124 metros, e construiranse sete arquetas (unha delas de grandes dimensións, xusto antes da vía do tren). A intervención vai dende a vía do tren até ben entrada a rúa do Santo.
Ademais executarase unha nova conexión para as augas residuais de 73 metros, paralela á canalización do regato.