INSTA AO ALCALDE A NEGOCIAR OS ORZAMENTOS
O BNG proponlle a Cubela chegar a un pacto polo benestar da veciñanza de Cerdedo-Cotobade
Cerdedo-Cotobade, 11 de xaneiro de 2021. O BNG de Cerdedo Cotobade acordou na súa primeira asemblea do ano solicitar unha reunión co Alcalde para abordar asuntos relacionados co proxecto de Orzamentos 2021: cando vai ser levado a Pleno e as propostas de investimento por parte do goberno do PP.
O BNG, ao igual que para as contas do 2020, quere ser parte activa e presentará unha batería de medidas económicas, sociais e culturais para que teñan plasmación nos Orzamentos 2021 antepoñendo, máis unha vez o benestar da veciñanza a calquera outro tipo de interese. O BNG é firme defensor do diálogo entre as distintas forzas políticas, un diálogo máis necesario se cabe nesta situación de crise derivada da pandemia da COVID-19.
Ernesto Filgueira: “Dende o BNG emprazamos ao Alcalde a se abrir a negociar os Orzamentos Municipais nun encontro o antes posíbel para abordar aquelas medidas e propostas que consideramos estratéxicas e acordar un Pacto polo Benestar da veciñanza de Cerdedo-Cotobade”.
Ernesto Filgueira salientou a súa “preocupación e inquedanza diante das consecuencias económicas que están a lastrar o benestar de moitas familias, da brecha dixital na que se atopan algunhas crianzas, da situación crítica que están a padecer as persoas autónomas, o pequeno comercio e os produtores de Cerdedo e Cotobade e da necesidade de maior cobertura dende os servizos sociais para protexer aos nosos maiores e ás persoas máis vulnerables. Para nós, o obxectivo das contas públicas deste ano debe centrarse na dinamización comercial local, no benestar das persoas, no despegue da cultura e a loita polos servizos públicos. Esa é a liña na que se moven as propostas do BNG”.
O BNG urxe ao PP a axilizar a aprobación dos novos Orzamentos, tan necesarios para facer fronte as consecuencias económicas e sociais da COVID. Neste sentido, o BNG fai un chamamento ao alcalde para que dialogue coas forzas políticas e se esforce en conseguir uns orzamentos que dean resposta as grandes necesidades que ten o noso concello, acadando un gran Pacto polo Benestar da veciñanza de Cerdedo-Cotobade.