INCLÚE CATRO NOVAS PROPOSTAS ÁS REALIZADAS XA HAI TRES SEMANAS

O BNG propón máis medidas para a reactivación económica de Moraña

Marcos Suárez
Marcos Suárez
O BNG propón máis medidas para a reactivación económica de Moraña

Moraña, 6 de maio de 2020. O BNG de Moraña vén de presentar máis medidas  de actuación para iniciar a reactivación económica e social do Concello. Ás propostas presentadas hai semanas e referidas á creación dunha mesa municipal de reactivación económica, dunha campaña de reactivación e dinamización do comercio local e á solicitude de axudas para autónomos e PEMES por parte da Xunta únense, en palabras do seu voceiro Marcos Suárez "outras catro propostas complementarias mais necesarias para contribuír a paliar as consecuencias que xa está deixar na nosa economía a COVID-19".

Entre esta batería de propostas rexistradas polo BNG atópanse un novo plan de reforzo dos turismos interiores de natureza, patrimonio histórico e de proximidade colaborando segundo explica Suárez "en todo momento cos sectores implicados neste eido". Ademais, o voceiro nacionalista explica que outra das propostas necesarias dentro dese plan de dinamización do comercio local é a de "elaborar e entregar porta a porta a todas as veciñas/os de Moraña unha listaxe completa con toda a información dos establecementos do comercio local do concello". 

As outras dúas propostas que inclúe o BNG son a planificación dunha axenda de actividades, concertos e outros eventos de pequeno formato dende xuño a setembro descentralizada a todas as parroquias promovendo entre outras as actuacións de artistas e agrupacións locais, asegura Suárez "tendo en conta e estando moi pendentes neste caso da evolución da situación no momento das distintas fases da desescalada". Por último, o BNG de Moraña pide ao goberno municipal o estudo da viabilidade económica para as arcas municipais de poder efectuar o aprazamento das taxas e impostos municipais non só ata o fin do estado de alarma, senón ata despois da temporada de verán.

O BNG propón máis medidas para a reactivación económica de Moraña