O BNG propón habilitar un espazo para a promoción da cultura local na feira dos Venres de Carballedo
Cerdedo-Cotobade, 24 de maio de 2022. “Temos a inmensa sorte de vivir nun Concello onde a cultura, nas súas diferentes manifestacións, agroma como a auga. Un talento creador que debemos dar a coñecer, porque nos enriquece como pobo”, afirmou o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira.
Co obxecto, pois, de promocionar a cultura, arte e artesanía de cerdedo-Cotobade, o BNG vai levar ao próximo pleno a proposta de habilitar un espazo (carpa…) de uso compartido, aproveitando a feira do venres de A Chan, no que artesáns e artistas locais poidan amosar e promocionar o seu traballo e darse a coñecer entre a veciñanza.
Ernesto Filgueira: “Axudar á xente da creación, a arte e a cultura é axudarnos como comunidade”
Coa pandemia moitos creadores e autónomos do sector cultural viron mermada a capacidade de conexión e encontro co seu público relegada case exclusivamente ás redes sociais coma vía de comunicación. Cremos que é primordial axudar e apoiar un sector tan enriquecedor para a nosa cultura e creación e tan esquecido á hora de recibir axudas por parte das institucións.
A iniciativa estaría destinada a persoas vinculadas ao sector cultural censados ou que realicen a súa actividade no noso concello nos eidos da artesanía, a pintura e ilustración, a escultura, a producción literaria , a música, etc…
“Axudar á xente da creación, a arte e a cultura é axudarnos como comunidade e unha plataforma coma a que propoñemos pode xerar, con pouco custo, as sinerxias necesarias para que este sector case sempre esquecido, atope unha vía de desenvolvemento que co tempo repercutiría na visibilidade e promoción do noso propio concello”, afirmou Filgueira.