O BNG esixe a reforma integral do Campo da Torre e o seu contorno para facer deste lugar un espazo seguro para as persoas
Caldas de Reis, 24 de maio de 2022. Logo de que o goberno municipal deixase sen executar preto de 2'2 millóns de euros no exercicio 2021, o BNG tende a man para empregar eses fondos en mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, facendo de Caldas unha vila segura e amábel coas persoas.
Neste sentido, Manuel Fariña dirixirase ao grupo municipal do PSOE para abordar a necesaria reforma integral do Campo da Torre e o seu contorno, unha reforma que contribuirá ao recuperar un espazo histórico na actualidade totalmente degradado no centro da vila, ademais de crear un espazo de alta calidade urbana enclavado en pleno camiño de Santiago.
Manuel Fariña considera necesario gañar espazos seguros e de alta calidade urbana para as persoas, en sintonía cos criterios dos Concellos Ágora
Considera o portavoz do BNG que o Concello ten a obriga e as competencias sobre o espazo público, e que actuar sobre el con criterios de accesibilidade e mobilidade redundan na calidade de vida dos veciños e veciñas. Lembra tamén Manuel Fariña que Caldas está integrado nos Concellos Ágora da Deputación, que, no seu punto primeiro, afirma que o espazo público é: “un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación. Toda persoa dun ámbito urbano de calquera dimensión ten dereito a dispor dun espazo público de calidade no que desenvolver a súa vida e as súas relacións sociais con seguridade. É unha obriga das administracións garantir ese dereito a cidadáns e cidadás”.