Raimundo González sinala que o PP de Pontevedra ten unha «virulenta e enfermiza» oposición ao modelo de compostaxe local
O concelleiro de Xestión de residuos urbanos do Concello de Pontevedra, Raimundo González, compareceu perante os medios de comunicación para lembrar que a cidade ten unha «decidida aposta» pola compostaxe, con base en tres alicerces fundamentais: os composteiros individuais, os centros de compostaxe comunitaria e a planta de compostaxe. O edil lembra estes elementos e comparece logo das declaracións realizadas polo portavoz da oposición e líder do Partido Popular local o pasado martes, ao tempo que sinala que esta oposición é «virulenta e enfermiza».
Para González, «o tema xa vén de lonxe», e quixo sinalar que este rexeitamento por parte do PP pontevedrés vai contra a mesma lexislación europea, a do Estado español e, ademais, a promovida pola Xunta de Galiza á hora de tratar os residuos e obrigar á súa separación e aproveitamento.
O edil fixo memoria e advertiu que o líder do PP, Rafael Domínguez, «fixo campaña polas parroquias dicíndolles aos veciños que non recollesen o composteiro individual e a súa afirmación demostrouse radicalmente falsa». «E dos centros de compostaxe comunitaria? Ben sabemos desa imaxe do señor Domínguez subido a un centro de compostaxe comunitaria, picachón en man para poder derribalo, dicindo ‘cuando yo gobierne esto se eliminará’. Falamos duns centros de compostaxe comunitaria que veñen na Lei de Residuos de Galiza, que non é que os inventemos nós. Tanto na normativa estatal como comunitaria esta alternativa está contemplada e así a contempla o PP de Galiza... Non así o señor Domínguez»
Con relación á planta de compostaxe, a actuación do líder da oposición é en palabras de Raimundo González «aínda é máis enfermiza». «Leva anos opoñéndose a ela, de xeito público e notorio, presentando tamén unha denuncia xudicial... A única que presentou, por certo, de todas as que dixo que ía presentar e, ademais, dicindo toda unha sarta de barbaridades».
O rexeitamento dos populares e do seu líder, Rafa Domínguez, significa ir en contra das lexislacións europea, estatal e galega
O edil fixo fincapé en que antes de alugar os terreos para albergar esta futura planta de compostaxe tiveron que contar cos informes técnicos que avalasen a viabilidade de construír esta instalación no espazo correspondente, informes que non contemplan problemas de desnivel de terreo nin falta de accesos. Doutra banda, se ben o tamaño da parcela é de 10 hectáreas, a planta só debería ocupar unha ou dúas «como máximo», para deixar o resto do terreo a disposición doutro tipo de usos como a creación dun ecoparque no que recibir visitas escolares, habilitar unha aula de sensibilización elemental ou crear elementos de xogo como tirolesas nun proxecto «respectuoso co medio ambiente» que será complementario ao da planta proxectada por Sogama en Vilanova de Arousa.
A construción desta planta de compostaxe está incluída dentro do contrato de concesión do servizo municipal de lixo, que terá que ser asumida pola empresa dentro deste terreo, existindo así unha «cláusula de salvagarda» perante o caso extremo de que non se puidera construír por cuestións alleas ao Concello, pero que o propio edil sinalaba como unha situación case imposíbel ao ter como avais todos os informes previos e postos a disposición pública.