O BNG propón un conxunto de medidas para a reactivación económica de Moraña
O BNG vén de presentar unha serie de propostas de actuación para iniciar a reactivación económica e social do concello de Moraña. En palabras do noto voceiro, Marcos Suárez, estas propostas "queren axudar a recuperarnos o antes posible deste tremendo golpe que é o COVID-19 e sobre todo intentar paliar o mellor posible as súas consecuencias, que poden ser devastadoras".
Marcos Suárez afirma que "estas propostas pretenden ser o inicio, os cementos do que debe ser un ambicioso e completo plan de reactivación do tecido económico de Moraña,e para iso, e dado o volume desta crise, cremos que a primeira medida debe ser a creación dunha mesa municipal de reactivación económica onde senten todos os actores implicados e onde se poidan atender as necesidades de todas as PEMES e autónomos do concello ademais de escoitalos/as e recoller as súas aportacións a este gran plan de reactivación económica de Moraña".
O voceiro municipal do BNG solicita ademais que "o Concello esixa á Xunta de Galiza a adopción de todas as axudas económicas posibles para que as PEMES e autónomos que viron gravemente reducida ou tiveron que pechar actividade o pasado 14 de marzo poidan sufragar os gastos fixos que continúan a ter, ademais de colaborar na difusión da información, explicación e xestión de outras axudas do Estado que xa se atopen en marcha". Tamén pedimos – engade Marcos Suárez – que o goberno municipal estude a viabilidade e a posibilidade de ofrecer outras axudas económicas a nivel municipal para este colectivo.
O BNG de Moraña é consciente da gravidade da crise post-Coronavirus e dos efectos desastrosos en materia de emprego que xa está a ter en Moraña, e é por iso que, após posta en marcha desa mesa municipal de reactivación económica levará como primeira proposta a "creación dunha gran campaña de reactivación e dinamización do noso comercio local que se terá que facer extensiva cando menos os vindeiros 12 meses, con medidas económicas de axuda e outras de reactivación, protección e dinamización do mesmo"
O BNG solicita a convocatoria ducha Xunta de Voceiros Municipais
O pasado mércores, o voceiro municipal do BNG solicitaba por vía telemática unha convocatoria urxente por vía telemática da xunta de voceiros municipais para "poder escoitar de primeira man por parte do grupo de goberno municipal toda a información relevante a esta crise, as medidas que se tomaron, as que están en estudo, e sobre todo para poder aportar o noso grao de area e colaborar directamente en todo o posible. Dende o BNG volvemos reiterar o noso apoio neste sentido e a nosa man tendida en todo momento ao goberno municipal" conclúe Suárez.