O BNG propón que o Concello de Cerdedo-Cotobade inste á Xunta de Galiza a dotar de fibra óptica a todo o municipio
Cerdedo-Cotobade, 21 de xullo de 2020. O Portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, ven de presentar unha iniciativa no Concello para que o Pleno inste á Xunta de Galiza a executar un Plan de Expansión Integral de Fibra óptica en todo o termo municipal que cumpra co disposto pola Comisión Europea en materia de prestación do servizo de internet.
A ninguén se lle escapa que a internet é, hoxe por hoxe, unha infraestrutura fundamental, básica, tanto no seu uso doméstico, como no educativo e económico.
Desde o BNG entendemos que o concello de Cerdedo-Cotobade debe actuar coa máxima rapidez para poñer en marcha proxectos que contribúan a reducir a fenda dixital na que vive a maior parte da veciñanza.
Este déficit dixital vai en prexuizo da calidade de vida dos veciños e veciñas e supón un impedimento para o desenvolvemento do pequeno comercio, dos autónomos e dos produtores locais.
A día de hoxe, a maior parte dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade teñen unha velocidade media de acceso a internet de tan só 2Mbps, o que contrasta coas recomendacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) no seu “Plan de Banda Larga de Galiza 2020” dependente da Xunta de Galiza, que busca garantizar unha cobertura de banda larga de, cando menos, 30 Mbps para a totalidade da poboación de xeito que se fomente a inclusión social e a competitividade. Esta mesma Axencia recomenda a contratación de servizos de banda larga por riba dos 100 Mbps.