Bará: “Cada papeleta nas urnas ten o poder de cambiar Galiza e iniciar un tempo novo”
Pontevedra, 11 de xullo de 2020. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, pasará todo o día de hoxe, xornada de reflexión, coa súa familia e amigos en Vilaboa. Sobre a votación de mañá, subliñou a importancia da mobilización e da participación, asegurando que “cada papeleta nas urnas ten o poder de cambiar Galiza e iniciar un tempo novo”.
Durante todo o día de hoxe Bará tiña pensado pasar un tempo tranquilo tras a intensa precampaña e campaña realizada, na que percorreu practicamente todos os concellos da provincia, tal e como publicou recentemente no seu perfil de Facebook asegurando que “aínda lle faltaban días para seguir percorrendo o país”. No día de hoxe, o cabeza de cartel, aproveitou para pasear pola Canteira de Paredes, un lugar especial para el xa que, formando parte do movemento social, participou na súa recuperación como espazo de lecer hai 30 anos. Logo de pasear, xantou con amigos no lugar do Souto e xa pola tarde, a previsión era pasear polas salinas.
Segundo valorou, a campaña foi moi ilusionante pola onda de complicidade amosada pola xente, que se achegou ao BNG en cada mitin amosando as súas ganas de cambio tras o 12X. Para a xornada electoral de mañá, Bará animou a toda a poboación a acudir aos colexios. Destacou que a pesares da situación anómala motivada pola crise da COVID-19 é fundamental que cada galega e galego exerza o seu dereito ao voto como unha ferramenta para mellorar a sociedade e a democracia, “para acadar un futuro mellor para o noso país e o noso pobo”.
Bará agarda que mañá, 12X, o día se desenvolva sen incidencias e con moita participación, xa que ao seu entender a abstención suporá “que outros decidan por nós”. O cabeza de lista votará ás 10.00 horas (aproximadamente) nas instalacións do instituto Frei Martín Sarmiento de Pontevedra –avenida de Vigo 23- acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Posteriormente, ambos percorrerán as mesas electorais do municipio durante toda a mañá para saudar ás e aos seus integrantes.
O cabeza de cartel amosouse convencido de que “este domingo imos dar paso a unha Galiza segura de si mesma non conformándonos nin caendo na rutina”. Lembrou que o resultado está totalmente aberto e que cada voto vai ser decisivo.