O BNG leva ao Senado a desafectación para uso ferroviario da vía entre Arcade e Pontevedra para facer a Vía Verde
Soutomaior, 12 de xaneiro de 2024. A senadora do BNG, Carme Da Silva, presentou no Senado unha moción e unha pregunta parlamentar na que demanda a Adif que proceda a desafectar de uso ferroviario a vía entre Arcade e Pontevedra para destinala a Vía Verde.
A senadora explicou estas iniciativas hoxe en Arcade xunto ao alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, nun acto que tivo lugar no edificio Multiusos e ao que acudiron unhas 80 persoas.
Anos de reivindicacións veciñais
A demanda da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra é unha petición veciñal histórica que precisa da disposición de Adif para desafectar de uso ferroviario este tramo da antiga vía de tren que está en desuso e en estado de abandono desde hai tempo. De feito, a infraestrutura está cuberta de maleza.
Da Silva lembra que esa reivindicación foi trasladada polo BNG ao Ministerio en diversas iniciativas parlamentares no Congreso e emendas aos Orzamentos do estado no ano 2022. A nivel municipal, subliña, fixéronse numerosas actividades, accións e incluso unha marcha que contou cunha alta participación social.
A senadora do BNG salienta a contribución das Vías Verdes á sustentabilidade e a unha mellor calidade de vida, incentivan formas de vida saudábeis e o deporte, dinamizan áreas do rural e promoven o comercio local e a hostalaría. Neste sentido, menciona a Vía Verde do Salnés que empezou unindo os concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas. Logo sumáronse os concellos de Barro e Pontevedra chegando a 24 quilómetros. Para Da Silva “estender a Vía, posibilitando a conexión desde Pontevedra ate Arcade con 15 quilómetros máis de percorrido e unila co tramo Redondela-Vigo, convertiría esta senda nun atractivo turístico de interese para os municipios polos que pasa.
Non hai razóns para que Adif se opoña. Debe desbloquear esta infraestrutura
Carme Da Silva alega que “non existe ningún motivo para que o Ministerio non permita desbloquear unha infraestrutura que non se utiliza e facer o mesmo que se fixo noutras zonas”. Ademais, engade, non implica un investimento significativo, “só precisa de vontade política”. Trátase dun “proxecto que repercute no ben común, beneficia á veciñanza e aporta elementos positivos”.
O mesmo Ministerio indica no Programa “Vías Verdes” que está destinado á reutilización de antigas infraestruturas ferroviarias como itinerarios non motorizados, contribúe á dinamización socio-económica, especialmente no rural, potencia a mobilidade sustentábel, o ocio participativo, o respecto ao medio ambiente e promove o turismo local.
A senadora do BNG afirmou que cando a moción vaia a debate na Cámara Alta, “agardo que conte co respaldo de todas as forzas políticas porque é unha demanda veciñal totalmente xusta”.
Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "a habilitación dunha Vía Verde é unha demanda histórica do BNG de Soutomaior e da veciñanza do noso concello. Levamos anos a traballar para esixir ao Goberno do Estado que leve a cabo os trámites necesarios para que Adif desafecte o treito de vía necesario para a habilitación da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra. É unha infraestrutura necesaria para a veciñanza e no goberno de Soutomaior imos seguir a traballar para que se convirta nunha realidade".