O BNG prepara unha batería de iniciativas para reclamar a Vía Verde entre Arcade e Pontevedra
Soutomaior, 19 de decembroi de 2023. O BNG vén de anunciar que prepara unha batería de iniciativas de cara a 2024 co obxectivo de reclamar ao Estado unha Vía Verde que una Arcade con Pontevedra. Para levar a cabo esta obra, é preciso que Renfe e Adif cedan o treito da antiga vía ferroviaria que une Arcade e Pontevedra a través de Vilaboa. Trátase dun treito en desuso e totalmente abandonado desde hai anos, polo que o BNG pide que se lle dea un uso que beneficie á veciñanza de ambos concellos e que os conecte.
Neste sentido, os nacionalistas levan máis de dez anos a traballar para que o Estado cumpra unha demanda histórica da veciñanza de Soutomaior. Nestes máis de dez anos, ademais de actos informativos e marchas, o BNG presentou emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para pedir unha partida específica para a Vía Verde. Numerosos colectivos veciñais, deportivos e mesmos ecoloxistas sumáronse ás reivindicacións do BNG de Soutomaior, quen durante este tempo reclamou tanto ao anterior goberno do PP como ao actual de coalición (PSOE-Podemos primeiro e agora PSOE-Sumar) que desbloquee a cesión do tramo ferroviario e permita á veciñanza de Soutomaior desfrutar dunha Vía Verde.
O BNG leva anos a traballar pola Vía Verde que conecte os concellos de Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra
O responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas, sinalou que “en 2024 imos levar a cabo unha serie de iniciativas para deixar patente a necesidade de que o noso concello conte cunha Vía Verde que o conecte con Pontevedra. Trátase dunha demanda histórica da veciñanza e do BNG de Soutomaior que non precisa dun orzamento significativo. Non se entende que o Estado non dea luz verde a un proxecto que beneficia a toda a veciñanza e que promove os valores do deporte, a vida san e o ecoloxismo”.
“No BNG de Soutomaior imos seguir traballando en 2024, igual que nestes dez anos, para que Soutomaior conte coa súa Vía Verde que o conecte con Pontevedra. Máis agora que o goberno de Soutomaior si está aliñado coa petición desta Vía Verde para a nosa veciñanza. Da man do goberno local e da veciñanza, imos seguir a reclamar que o Estado cumpra esta demanda histórica e que o noso concello por fin teña a súa Vía Verde”, concluíu José Costas.