O BNG de Poio traslada ao grupo parlamentar as demandas do municipio en materia sanitaria
Poio, 11 de decembro de 2020. No día de onte unha delegación do Consello Local do BNG de Poio, encabezada pola súa responsábel, Marga Caldas, trasladouse ao Parlamento de Galiza para informar ao grupo parlamentar das demandas do concello de Poio en materia sanitaria. Na reunión estiveron presentes por parte do grupo parlamentar, a Portavoz, Ana Pontón, o deputado territorial, Luís Bará, e a deputada responsábel de sanidade, Montse Prado.
Após a reunión, o BNG pedirá no Parlamento que se adopten medidas urxentes para dotar do persoal necesario aos centros sanitarios de Poio, colapsados pola falla de coordinación do SERGAS ao non cubrir as baixas, o que fai que o centro de saúde de Anafáns estea a día de hoxe cun só facultativo.
Esta circunstancia -lembrou Marga Caldas- xa foi denunciada polo propio persoal sanitario, e está a provocar unha lista de agarda de máis de vinte días para unha primeira cita telefónica, e coas urxencias derivadas ao PAC da Parda, en Pontevedra, ou ao 061.
A responsábel local do BNG lembrou tamén a situación frustrante de veciños e veciñas ante a imposibilidade de acceder aos centros de saúde, o que impide que teñan unha atención sanitaria de calidade.