O BNG pide planificar os tres aeroportos galegos “dun xeito racional e autocentrado” poñendo por diante a coordinación e non a competición entre eles
Pontevedra, 30 de setembro de 2025. O BNG solicitou hoxe na Deputación planificar os aeroportos galegos “dun xeito racional e autocentrado” poñendo por diante a coordinación e non a competición entre eles, articulando un sistema aeroportuario galego integral para mellorar servizos e desenvolver as tres terminais no país. Segundo o grupo provincial nacionalista, é preciso que a Xunta “se poña as pilas”, faga valer os dereitos galegos e lidere un proceso de diálogo entre as administracións implicadas para explorar alternativas e organizar o futuro .
O BNG realizou estas peticións ante a moción do PP tras a saída de Ryanair de Peinador. As ‘populares’ presentaron un panorama no que os aeroportos galegos, as súas necesidades e problemas, así como as solucións a estes, poderían ser as mesmas que as de calquera aeroporto pequeno en calquera parte do estado, “cousa que nós, o BNG, non compartimos”, dixo a deputada Manuela Rodríguez.
Segundo o Bloque, o servizo de transporte aéreo é unha peza importante nunha mobilidade intermodal que debera ser o camiño, a ferramenta, para dotar ao pobo galego dun servizo de transporte áxil e moderno que comunique e vertebre o país. “E é aínda máis importante se analizamos a situación actual da mobilidade ferroviaria e por estrada na Galiza, que dificulta certos desprazamentos aos que dá resposta o avión”, destacou.
Rodríguez subliñou que a planificación sensata e de futuro pasa pola coordinación e a planificación das administracións públicas, que son as que deben garantir uns servizos de calidade para a sociedade galega. É por iso, instou a nacionalista, que as diferentes administracións implicadas, da man do impulso da Xunta de Galicia, deben abrir un proceso de diálogo para explorar alternativas á situación, e planificar o futuro dos diferentes aeroportos galegos dun xeito racional e autocentrado, poñendo por diante a coordinación e non a competición entre eles.
“Debemos instar ao Goberno galego a impulsar ese proceso de cooperación entre as diferentes administracións co obxecto de articular un sistema aeroportuario galego integral para mellorar os servizos aeroportuarios na Galiza e o desenvolvemento das tres terminais galegas. (...) As propostas desta moción do PP non veñen solucionar ningún tipo de problema, só afondar na dependencia do estado español, neste caso a través de AENA, e na supeditación dun servizo fundamental aos lucros económicos de certas empresas”, advertiu a nacionalista.
Por iso, o Bloque propuxo unha emenda de substitución “que si redundarían nun reforzamento e revitalización da actividade do aeroporto de Vigo, mais non só, tamén do conxunto do sistema aeroportuario galego, con visión de país”. Neste sentido, o BNG solicitou que Xunta e Goberno español a colaboraren para a posta en marcha dun Plan de Dinamización do Aeroporto de Peinador que incorpore medidas concretas e tamén compromisos orzamentarios para o seu financiamento, que atenda cuestións como a mellora dos accesos á terminal viguesa, a súa conexión intermodal, a apertura as 24h ou o aproveitamento das súas potencialidades no transporte de mercadorías.
Tamén se solicitou da Xunta de Galiza a inmediata reactivación do Comité de Rutas, como instrumento de coordinación para articular un sistema aeroportuario galego, integral e tecendo sinerxías con base na cooperación e especialización das tres terminais galegas, e reforzando, singularmente, o papel do aeroporto de Peinador como terminal de referencia da área metropolitana de Vigo, do conxunto do sur de Galiza e da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
O PP votou en contra destas propostas, tombándoas no Pleno, fomentando continuar cun sistema de subvencións.