O BNG lamenta que o PP da Deputación destine máis cartos a subvencionar a regata do rei emérito que ao mantemento do patrimonio marítimo fluvial da provincial
Pontevedra, 30 de setembro de 2025. O BNG lamentou que o PP da Deputación de Pontevedra destine máis cartos a subvencionar a regata do rei emérito en Sanxenxo, á que destinou 99.000 euros cun patrocinio deportivo, que ao mantemento e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial da provincia, para o que nos orzamentos 2025 reservou 90.000 euros que aínda non foron executados a día de hoxe.
A deputada María Ortega criticou a deixazón do vicepresidente Domínguez ao non activar o expediente das axudas ata este mes, dificultando a tramitación dos proxectos das asociacións, que descoñecían se realmente as subvencións ían saír adiante e a canto ascenderían as contías que poderían ser aprobadas.
“Agora hai moita présa -por parte da Deputación-. (...) Nós non retiramos a nosa moción para recuperar as axudas porque non confiamos en vostede nin na súa palabra, señor Domínguez. Onde están as actividades de memoria que dixo que ía presentar en setembro? Onde están?”, cuestionou Ortega, lembrando que o ‘popular’ se comprometera a presentalas hai un mes sen facelo.
O BNG pediu formalmente que os orzamentos provinciais inclúan dotación suficiente para as subvencións, xa que a provincia de Pontevedra foi pioneira na liña de axudas ao patrimonio marítimo fluvial . “Os resultados son visibles, mantendo Pontevedra o maior número de barcos tradicionais dedicados á actividade social, de promoción da cultura mariñeira e fluvial e dun maior dinamismo”, subliñou Ortega.
Destacou que os proxectos subvencionables son custosos, difíciles de materializar sen axudas e que os colectivos piden que se incrementen os fondos e se tramiten en tempo e forma. A deputada nacionalista explicou que a liña de axudas que se reclama agora ao PP empezou con 150.000 euros en 2020 -co goberno do BNG-, baixou a 100.000 euros en 2024 no primeiro ano dos ‘populares’, e salientou que na partida orzamentaria deste ano quedou en apenas 90.000 euros, “un pouco lonxe dos 99.000 que lle deron á regata do emérito”, dixo con retranca.
A partida orzamentaria das axudas marítimo fluviais lembrou Ortega, sen embargo, aínda non está executada. Subliñou que os colectivos teñen que adiantar os proxectos e a elaboración dos traballos sen a confirmación da concesión da axudas, e polo tanto, tamén sen coñecer a contía que recibirán, “o que pon en grave risco a súa economía e provoca dificultades graves”. Lembrou que durante o goberno do BNG só se aprobaron no mes de outubro as primeiras bases das subvencións, que se crearon ‘ex novo’, sendo publicadas sempre no primeiro trimestre nos últimos anos do bipartito.
Ortega explicou que o BNG preguntou no servizo responsable como ía o expediente das bases das axudas deste ano, un documento interno (non público) debido a que non se aproba en Pleno. Nun principio, destacou a nacionalista, “parece que había visos de inicialo en febreiro, simplemente mantendo os criterios e cambiando o ano, pero aí quedou”. Despois, antes do verán, parece que tamén houbo movementos, salientou Ortega, “pero como vostede non dirixe o seu departamento e non deu indicacións”, dixo criticando a Domínguez, “volveron quedar paralizadas”. Por iso, insistiu a nacionalista, o Bloque presentou a moción, pola falta de confianza en que as axudas saísen adiante.
A deputada María Ortega quixo dar as grazas aos colectivos da provincia que traballan no mantemento do patrimonio. Nomeadamente fixo referencia a representantes de asociacións que asistiron ao Pleno para respaldar a moción do BNG.
Crispación
O debate sobre a liña de mantemento, conservación e rehabilitación do patrimonio marítimo e fluvial foi o máis crispado do pleno. O BNG lamentou o ton e forma de proceder do vicepresidente Domínguez, quen criticou persoalmente ao voceiro César Mosquera “por ter permitido que o seu grupo” do BNG presentase a proposta e de quen dixo que “se está arrastrando por el campo”.
Ante esta situación, a deputada Ortega lamentou o desprezo de Domínguez polo seu traballo e a súa persoa, xa que foi a defensora da moción, e instou ao vicepresidente a non traer “os trapos” do Concello de Pontevedra ao Pleno da Deputación. O propio Mosquera tamén contestou: pediu ao presidente Luís López que tivese coidado con Domínguez porque “lle vai traer máis dun desgusto”, criticou ao vicepresidente “por estar desquiciado”, e subliñou que “non insulta quen quere, senón quen pode”.