Edugal volve tender pontes entre formación e emprego do 8 ao 10 de outubro con máis de 60 expositores no Recinto Feiral

Edugal 2025
Edugal 2025
Edugal volve tender pontes entre formación e emprego do 8 ao 10 de outubro con máis de 60 expositores no Recinto Feiral

Pontevedra, 30 de setembro de 2025. O Concello de Pontevedra, a través da Área de Promoción Económica, presentou a Feira da Educación de Galicia Edugal, que celebrará a súa 14a edición os días 8, 9 e 10 de outubro no Recinto Feiral cun amplo programa de actividades que combinarán conferencias, mesas redondas, obradoiros e propostas interactivas para achegar ao público toda a informacion formativa galega.

En total, Edugal 2025 contará con 64 stands en representación de institucións, universidades, centros de formación profesional, entidades empresariais e organizacións non só de toda Galiza, senón tamén de España e mesmo de Portugal.

Xunto coa concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, na presentación estiveron José María Corujo, Conchi Pereiro e Judit Meiriño, membros da directiva de Aempe, que organiza o evento xunto co Concello. A edil salientou que Edugal “é unha plataforma que tende unha ponte entre a formación e o emprego” e que o evento organizado no Recinto Feiral é “un instrumento importantísimo para logo insertarse no mercado laboral”.

O evento, que prevé superar as cifras de anteriores edicións con máis de 10.000 asistentes nos tres días, botará a andar o mércores 8 de outubro ás 11.00 horas coa conferencia “Cando a IA Responde: Emprego, Competencias e Oportunidades”, a cargo de Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. A continuación, ás 12.00 horas, será a inauguración oficial coa asistencia da edil de Promoción Económica, Anabel Gulías.

Edugal volve tender pontes entre formación e emprego do 8 ao 10 de outubro con máis de 60 expositores no Recinto Feiral