O BNG pide investigar os aceites procesados utilizados para combustión en ENCE
O deputado do BNG, Luís Bará defendeu, a través dunha proposición non de lei, iniciar unha investigación sobre o uso de aceites industriais para procesos de combustión na planta de ENCE en Lourizán ante o posíbel incumprimento da Autorización Ambiental Integrada ao que sumou establecer medidas de control das emisións contaminantes da fábrica de Lourizán, polo grave risco para a saúde humana das partículas tóxicas producidas pola combustión dos aceites industriais.
Tras a intervención do portavoz popular, Jacobo Moreira, na que anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista, o deputado do BNG asegurou que ao portavoz do Partido popular “só lle faltou traer o casco da empresa”. Bará denunciou que o Partido popular leva “amparando os intereses de ENCE dende o ano 2014” pero, explicou, non sempre foi así. No mes de xuño do ano 2009, o propio Núñez Feixóo, despois dun Consello da Xunta celebrado en Pontevedra, afirmaba que non “cabía a posibilidade de manter a ENCE na ría”. Anos máis tarde, engadiu, cambiaron de posición porque llo exixiu “a empresa e as portas xiratorias”. Neste sentido, tildou a Moreira de “avogado defensor de ENCE” e facer méritos para rematar “cun posto no Consello de Administración da empresa”.
Luís Bará acusou ao Partido popular de amparar os intereses da empresa e recalcou que o BNG utilizará todos os medios, ao seu alcance, para expulsar a ENCE da Ría de Pontevedra
Por outra parte, criticou que o portavoz popular aceptara a estación de control, a pesar de que a propia Autorización Ambiental Integrada aconselle o seu cambio. Vostede, recalcou “bendice a estación de control que ten a empresa”.
O deputado do BNG afirmou que non está permitida a utilización de aceites procesados e no seu lugar debe usarse biomasa, residuos forestais, codia de eucalipto e lodos secos procedentes de augas residuais e a utilización doutros combustibles deben ser xustificados pola empresa pero mentres isto ocorre, “o PP sigue defendendo os intereses de Ence en contra da Autorización Ambiental Integrada”.
Finalmente, o deputado nacionalista reiterou que o BNG utilizará todos os medios, ao seu alcance, para que desapareza “a peste que representa esta empresa na ría”.