O BNG denuncia a situación do Centro de Saúde de Moraña e esixe máis persoal
Nos últimos anos en Galiza o PP impulsou todo tipo de medidas e recortes que provocaron unha redución na sanidade pública de 2.000 millóns de euros, ademais de 2.000 profesionais menos, 700 camas pechadas e listas de espera que día a día seguen medrando. Todos estes recortes, intencionadamente planificados e programados teñen unha gravísima repercusión nos servizos e na asistencia sanitaria á poboación e evidencian que a política sanitaria do PP é un fracaso ao lapidar os servizos públicos de calidade no ámbito sanitario. Ademais o Partido popular quere continuar neste sinistro camiño de privatizar cada vez máis a sanidade pública coas reformas normativas que quere implantar, en vez de poñer en marcha un plan de choque contra as listas de espera desde a sanidade pública a través de máis recursos e persoal.
No Centro de Saúde de Moraña tamén estamos a padecer a política de recortes en persoal que o PP que está levando a cabo: durante o ano 2017 xubilouse no Centro de Saúde de Moraña un traballador que exercía as funcións de celador, axudando ademais nas funcións administrativas. A praza que ocupaba este traballador nunca máis foi ocupada, e todo parece indicar que o Servizo Galego de Saúde non ten intención de facelo, amortizándoa de facto. No verán de 2018 o SERGAS eliminaba o Servizo de Pediatría do noso centro de saúde derivando a todos os nenso/as a Caldas, situación que durou máis de 70 días e que só se enmendou grazas á presión social e veciñal, que fixo recapacitar aos responsables do Sergas e actuar para cubrir a praza, aínda que esta sexa de xeito provisional. Esta semana tamén vimos de coñecer máis dificultades que están a ter os profesionais do centro debido á sobrecarga de traballo derivada dos recortes de persoal xa que o pasado venres 11 de outubro tivéronse que anular e reconfigurar a maioría das citas e ademais nesta semana só estará dispoñible un médico tanto o luns como o venres 18, o que constitúe unha carga de traballo inasumible para calquera profesional da medicina, tendo en conta ademais que estamos no período de vacinación da gripe.
Para o BNG todos estes recortes no noso centro de saúde teñen unha evidente incidencia negativa na calidade da atención das veciñas e veciños no centro de saúde de Moraña e é por iso que queremos manifestar o noso total rexeitamento e denunciar esta políticas de recortes e desmantelamento da sanidade pública da Xunta de Galiza que conlevan a non cubrir as prazas dos profesionais que se atopen de baixa ou de vacacións. Ademais queremos amosar o noso total recoñecemento e máximo apoio aos profesionais do devandito centro de saúde que están afrontando esta penosa situación.
Dende o BNG consideramos que entre todos e todas debemos manter unha posición conxunta e firme para que a Xunta de Galiza dote do persoal suficiente ao Centro de Saúde de Moraña para que non se produzan mermas na calidade asistencial, e nomeadamente instamos ao goberno municipal para que adopte as medidas necesarias para que se resolva a situación de recortes en persoal e se poida dar uns servizos sanitarios acorde ás necesidades dos veciños e veciñas de Moraña