Pontevedra conxela as taxas e impostos municipais por sexto ano consecutivo
O Concello de Pontevedra conxelará as taxas e impostos municipais no ano 2020, e será a sexta vez consecutiva que toma esta decisión. A medida foi anunciada polo concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González quen asegurou que existe “unha decisión firme de manter inalterable a presión fiscal” e apostou por seguir coa actualización dos censos e manter as inspeccións. Con estes seis anos de conxelación, o Concello tería deixado de ingresar 2 millóns de euros que quedaron nos petos dos pontevedreses.
Raimundo González explicou que en 2020 non se incrementa “nin o IPC”, polo que quedan iguais as ordenanzas de contribucións especiais, a xeral, as cinco de impostos (IBI, IAE, ICIO, Plusvalía e o imposto de vehículos), e as 20 ordenanzas das taxas como a auga, saneamento, lixo, licenzas, guindastre...
Pontevedra ten unhas das presións fiscais máis baixas de todo o Estado, segundo afirmou o concelleiro, que fixo uso dos datos do Ministerio de Facenda. Dos 8.116 concellos rexistrados no Estado, Pontevedra ocupa o lugar 2.299 polo tipo impositivo no IBI; no posto 1.434 no ICIO; no posto 2.125 na Plusvalía; no posto 961 no imposto de vehículos; ou no 524 no IAE.
Raimundo González explicou que a conxelación dos impostos e taxas é un paso previo á elaboración dos orzamentos do ano que vén, que irá seguida de pechar a partida de Persoal, no que se contemplará o acordo asinado entre os sindicatos e o Goberno Central, que fixaba para o trienio 2019-2020-2021 un incremento do 2%. Por este motivo, o orzamento municipal de 2020 contemplará esta subida do 2% aínda que non estea aprobado polos Orzamentos do Estado.
E o terceiro elemento para a elaboración dos Orzamentos municipais son as transferencias do Estado. Raimundo González anunciou que se van a incluír as realizadas en 2019, seguindo “un criterio conservador”.
As transferencias do Estado para o orzamento de 2019 foron duns 18,5 millóns de euros, dos cales 15,3 proceden da participación en tributos, e outras partidas máis pequenas derivaron das porcentaxes do IRPF, do IVE e outros impostos minoritarios.
O Concello leva seis anos consecutivos (dende 2015 incluído) conxelando os seus gravames, pero conta cunha traxectoria de dez anos sen variar ou incrementando as taxas municipais por debaixo do IPC. Conxeláronse os impostos e taxas nos anos 2007, 2009, 2010, 2011, e no período do 2015 ao 2018. O resto de anos dende 2007, os incrementos foron por debaixo IPC e sobre unhas poucas taxas.