O BNG pide á Deputación que reforce a súa área de Igualdade e que inste á Xunta a crear unha Valedoría de Igualdade

Pontevedra, 19 de febreiro de 2025. O BNG quere que os dereitos das mulleres se convertan en dereitos reais na vida cotiá de maneira efectiva e non só se limiten a dereitos lexislados no papel. Por iso, e co gallo do 8 de Marzo, o grupo provincial do Bloque vén de presentar unha moción para que a Deputación de Pontevedra reforce a súa área de Igualdade e que o Pleno da Corporación inste á Xunta de Galiza a aprobar neste 2025 unha Valedoría de Igualdade que actúe como autoridade independente para abordar cuestións de xénero. A proposta reivindica medidas e ferramentas concretas que impulsen avances reais en lugar de simples declaracións de intencións por parte das administracións.
As nacionalistas destacan a súa preocupación por como o goberno do Partido Popular reduciu progresivamente o orzamento da área de Igualdade, pasando do 1,17% do total no ano 2023 a apenas o 0,80% no 2025, cuantificando os recortes en termos absolutos en máis de 435.000 euros. Subliña o BNG que esta rebaixa traduciuse nunha redución de achegas a entidades sociais e na conxelación das subvencións aos concellos, “o que implica necesariamente a minoración das accións en materia de Igualdade cando cumpriría todo o contrario: incrementar o orzamento de xeito que permita poñer en marcha máis e mellores medidas encamiñadas a garantir esa igualdade”.
Por este motivo, a moción do BNG pide ao PP que reafirme o seu compromiso coa loita feminista e o apoie as mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego de base potenciando a súa área de Igualdade. Subliña o Bloque que é imprescindible aumentar de maneira significativa o orzamento provincial de xeito que permita incrementar as iniciativas e accións para a promoción da igualdade tanto propias como de colectivos sociais e entidades locais da provincia.
Así mesmo, o Bloque quere que o Pleno da Corporación provincial se signifique e reclame ao goberno da Xunta de Galicia a creación dunha Valedoría de Igualdade como órgano de defensa cidadá perante situacións de discriminación por razón de xénero, con funcións de investigación, asesoramento, mediación e elaboración de propostas de sanción para a promoción da garantía do cumprimento do principio de igualdade. De maneira concreta, o BNG sostén que é preciso impulsar un proceso con ampla participación social e institucional para aprobar a Valedoría por lei antes do remate do ano 2025.
O BNG argumenta que son necesarios organismos públicos independentes que velen polo cumprimento e garantía dos dereitos xa recoñecidos formalmente na lexislación. De maneira específica, ve preciso abordar a cuestión no sector privado, xa que as ‘defensorías do pobo’ circunscríbense de maneira exclusiva ao ámbito público - á defensa da cidadanía fronte ás administracións-, non tendo encomenda algunha sobre as situacións de discriminación que se produzan fóra dese sector.
Apunta o Bloque, é necesaria unha Valedoría da Igualdade que promova vías de negociación e recomendacións que poñan fin a situacións de discriminación na esfera privada. Subliña a formación nacionalista que as mulleres galegas seguen a ter, en termos globais, peores indicadores no ámbito socio económico e seguen a soportar o desmantelamento dos servizos públicos, especialmente no ámbito da dependencia e da conciliación.
“A fenda salarial continúa. Continúa a sobrerrepresentación das mulleres nos tramos de menores ingresos e a infrapresenza nos de maiores ingresos. Aínda que aumentou a poboación feminina ocupada, hai unha terciarización dese aumento e a xornada parcial continúa sendo unha característica do emprego feminino. Podemos afirmar que a última reforma laboral non fixo máis que afondar as fortes fendas xa existentes entre homes e mulleres. Ademais, aumenta a desigualdade das pensións e todos estes factores fan que permaneza a situación de feminización da pobreza”, subliñan.