SAIRÁ O DOMINGO 13 ÁS 10 H. DA CRUZ DO BRASIL (XUSTÁNS-PONTE CALDELAS) E REMATARÁ NO PARQUE FORESTAL DA FRACHA, EN MARCÓN
O BNG organiza unha marcha contra os proxectos eólicos que ameazan amplos espazos naturais de Ponte Caldelas, Soutomaior e Pontevedra
Pontevedra, 8 de xuño de 2021. O BNG anima á veciñanza a participar na marcha que convoca a formación nacionalista contra a invasión eólica que partirá o vindeiro domingo, día 13, ás 10 da mañá desde a Cruz do Brasil (Xustáns-Ponte Caldelas) e rematará no parque forestal da Fracha, en Marcón, e así poder comprobar in situ a zona de afectación dos proxectos eólicos que ameazan a unha ampla zona de tres concellos: Ponte Caldelas, Soutomaior e Pontevedra.
O responsábel comarcal da organización nacionalista, Demetrio Gómez, fixo fincapé na súa comparecencia diante dos medios de comunicación na afectación a unha zona moi significatica do concello de Pontevedra como é o parque forestal da Fracha, que se ve amenazado por un dos aeroxenerados na area de descanso de Outeiro-Navío, en Marcón.
Gómez animou á veciñanza a facer fronte á política á modelo eólico depredador do PP, que só busca beneficiar ás grandes multinacionais eléctricas, coas que mantén “interese moi intensos”, como o demostra a incorporación ao consello de administración de Greennalia da ex-conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.
Fronte a esta política de espolio da nosa riqueza, o BNG, salientou Demetrio Gómez, defende “un plan eólico xusto, sustentábel e galego, que sexa respetuoso co medio e coas persoas que viven no rural, un modelo que revirta a riqueza no territorio, que garanta que teñamos un monte multifuncional e produtivo e unha tarifa eléctrica propia que redunde en beneficio tanto dos consumidores domésticos como da industria”.