COORGANIZADAS POLO BNG
O concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Alberto Oubiña, participa en Bruxelas nunhas xornadas sobre vivenda
Bruxelas, 12 de xuño de 2025. O concelleiro de urbanismo de Pontevedra, Alberto Oubiña, participa no Parlamento Europeo nas xornadas sobre vivenda digna organizadas polo BNG e o grupo ALE para tratar as problemáticas que afectan a Pontevedra e a Galiza, como a suba de prezos, as dificultades cos alugueiros ou as vivendas de uso turístico. Xunto a Oubiña, participaron tamén unha ampla representación de Galiza, conformada polas alcaldesas de Cangas do Morrazo e Barreiros, Araceli Gestido e Ana Ermida, o responsábel da Comisión de Vivenda da Executiva do BNG, Xurxo Rodríguez, o concelleiro de Urbanismo de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, o vicepresidente da deputación de Lugo e concelleiro en Sarria, Efrén Castro, os portavoces municipais do BNG de Ourense, Ferrol e Sanxenxo: Luis Seara, Iván Rivas e Fran Leiro, as concelleiras de Vigo A Coruña e Ames: Ana Martínez, Avia Veira e Escarlata Pampín, e a responsábel comarcal de Lugo Sur, Rosana Prieto.
A demanda de vivenda protexida continúa en crecemento, polo que estamos a avanzar en acordos coa Xunta para impulsar a súa promoción, ao tempo que solicitamos apoio ao Estado. Malia todo, aínda non recibimos resposta, pese á urxencia da situación. En Pontevedra, cidade coa poboación máis nova de Galiza, esta demanda seguirá aumentando rapidamente, o que esixe accións áxiles.
Garantir o acceso a unha vivenda digna é fundamental para construír sociedade xustas e inclusivas, polo que desde o BNG seguiremos traballando para que este dereito básico sexa unha realidade para todas e todos.