O BNG leva ao próximo pleno de Cerdedo-Cotobade unha nova moción para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica

IMG_1794
O BNG leva ao próximo pleno de Cerdedo-Cotobade unha nova moción para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica

Cerdedo-Cotobade, 23 de novembro de 2021. A pesar de que desde 2007 as administracións públicas están obrigadas por Lei a retirar os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación do rexime franquista, en Cerdedo-Cotobade non se fixo nada por retiralos. É máis, o que se fixo foi “resaltar aínda máis algunha simboloxía fascista das nosas fontes públicas”, afirmou Ernesto Filgueira.

Que os símbolos da falanxe estean a día de hoxe no noso espazo público non supón só que o Concello se salte a Lei á torera senón, e sobre todo, supón unha afrenta ás mulleres e homes que sufriron a represión do rexime fascista e ás súas familias. “Cubela ten a obriga ética -máis alá da legal-de eliminar , por hixiene democrática, a simboloxía fascista do noso municipio. Débello á dignidade de todas as vítimas da ditadura e aos seus descendentes”, afirmou Ernesto Filgueira.

Ernesto Filgueira propón a constitución dunha comisión de seguimento que inclúa a persoas de recoñecido prestixio no ámbito da memoria, e que o concello se acolla á liña de subvencións da Deputación para a eliminación da simboloxía franquista

Para proceder á eliminación de toda a simboloxía franquista así como das posíbeis mencións conmemorativas de exaltación do golpe de estado do 36 e da represión fascista, o BNG propón “crear unha comisión de seguimento, que contaría con presenza dos grupos municipais, de entidades sociais e de persoas de recoñecido prestixio no ámbito da historia e da memoria”, afirmou o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira.

Compre lembrar que en xaneiro de 2020 o pleno do Concello rexeitaba, cos votos do PP, unha iniciativa do BNG no mesmo sentido, argumentando o alcalde que non contaba con fondos para poder levar a cabo esa actuación. Non obstante, a finais de setembro a Deputación provincial lanzou unha liña de axudas para a eliminación da simboloxía franquista dos espazos públicos, á que se poderán acoller os concellos da provincia. Esta liña de axudas poderá destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.

Atendendo a esta liña de subvencións, a escusa dada polo rexedor municipal para non cumprir coa Lei de Memoria Histórica cae polo seu propio peso. Polo tanto, dende o BNG instamos ao sr. Cubela a que, por dignidade e hixiene democrática, solicite xa a subvención e acometa, dunha vez por todas, a eliminación de todos os restos aínda visíbeis do franquismo no noso concello. Débello á dignidade de todas as vítimas da ditadura e as súas familias.

O BNG leva ao próximo pleno de Cerdedo-Cotobade unha nova moción para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica